O PSdeG leva ao Parlamento o avance do antifeminismo entre a mocidade e esixe á Xunta unha estratexia real

O Grupo Parlamentario Socialista levará ao vindeiro Pleno do Parlamento unha pregunta oral urxente para reclamar á Xunta que actúe ante o avance do discurso antifeminista entre a mocidade e a expansión de contidos machistas nas redes sociais.
A iniciativa será defendida pola deputada Paloma Castro, que interpelará ao Goberno galego sobre se ten previsto poñer en marcha unha estratexia transversal que abranga o ámbito educativo, as políticas de mocidade, a igualdade e a prevención da desinformación dixital.
Segundo os socialistas, datos recentes evidencian un retroceso nas actitudes cara á igualdade. O informe Juventud en España 2024 sinala que o apoio ao feminismo entre a xente nova pasou do 54 % ao 41 % desde 2019, mentres que o respaldo á igualdade de xénero baixou do 70 % ao 50 %. Ademais, un 23 % dos homes novos considera que a violencia de xénero é un “invento ideolóxico”.
Para o PSdeG, este escenario está vinculado ao avance de posicións da ultradereita no debate público e á difusión sistemática de noticias falsas que buscan desacreditar o feminismo e cuestionar as políticas de igualdade.
A formación socialista alerta do impacto das redes sociais na propagación destes discursos, especialmente ás portas do 8 de marzo, e considera necesario artellar medidas estruturais máis alá de campañas puntuais.
A pregunta rexistrada solicita á Xunta que aclare se conta cunha estratexia específica para combater a desinformación por razón de xénero e frear o avance dos discursos antifeministas nun contexto de crecente polarización arredor da igualdade.