O PSdeG leva ao Parlamento o colapso do servizo de Urxencias do HULA

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia levará ao pleno do Parlamento de Galicia a situación que, segundo denuncian, vive o servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). As deputadas socialistas Lara Méndez López, María Elena Espinosa Mangana e Silvia Longueira Castro presentaron unha pregunta para a súa resposta oral no pleno da Cámara ao abeiro do artigo 152 do Regulamento.
Segundo expón o grupo socialista, o hospital lucense atravesa unha situación de “extrema gravidade” no seu servizo de Urxencias, unha realidade que —aseguran— foi denunciada de maneira reiterada por profesionais de enfermaría, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e celadores. As súas reivindicacións, sosteñen, non responden a intereses corporativos nin a estratexias de confrontación política, senón á defensa da seguridade das persoas atendidas, da calidade asistencial e das condicións de traballo do persoal sanitario.
As deputadas socialistas critican a planificación realizada pola Xunta de Galicia e pola dirección do centro hospitalario, que consideran marcada pola improvisación e pola falta de diálogo cos profesionais. Neste sentido, apuntan que a incorporación de reforzos médicos realizouse sen aumentar de maneira paralela o persoal de enfermaría, TCAEs e celadores, o que —segundo denuncian— provocou un desequilibrio na atención sanitaria.
Entre as deficiencias sinaladas, o PSdeG menciona problemas en áreas clave como Urxencias 3, os boxes de Críticos, a zona de Observación e o servizo nocturno, onde aseguran que a dotación actual resulta insuficiente para garantir tempos de resposta adecuados, coidados de calidade e condicións laborais dignas. Tamén alertan da elevada carga de traballo do persoal non médico, da falta de recursos materiais básicos e de medidas de seguridade eficaces, así como das agresións sufridas polos profesionais.
Desde o grupo socialista sosteñen que esta situación non é puntual, senón que responde ao modelo sanitario impulsado pola Xunta de Galicia baixo gobernos do Partido Popular, ao que atribúen recortes de persoal, externalización de servizos e falta de financiamento nas infraestruturas sanitarias.
Neste contexto, lembran que o socialismo defendeu historicamente a sanidade pública como un dos piares do Estado do benestar, desde a creación do sistema nacional de saúde ata a súa consolidación como un dereito universal, público e gratuíto. Por iso, consideran necesario reforzar os recursos do sistema e garantir o recoñecemento do persoal sanitario.
O PSdeG tamén vincula os paros e mobilizacións convocados polo persoal do HULA coa falta de resposta da dirección do hospital e da Consellería de Sanidade ás comunicacións formais nas que os profesionais advertían da gravidade da situación. Segundo sinalan, estas protestas representan unha chamada de atención ante unha realidade que consideran insostible e que, ao seu xuízo, pon en risco tanto aos pacientes como aos traballadores.
O grupo parlamentario socialista defende que o Parlamento de Galicia debe posicionarse en defensa da sanidade pública e do persoal sanitario, e reclamar á Xunta unha resposta inmediata e transparente ante a situación que se vive no HULA e, en xeral, no sistema sanitario galego.