O PSdeG levará ao Debate do Estado da Autonomía propostas para reverter un ano perdido

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, reclamou este domingo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveite o Debate do Estado da Autonomía (DEA) para dar explicacións á cidadanía e abandonar a autocompracencia que, segundo dixo, o caracteriza. “A loa xa a organizou a semana pasada, cun acto no que se presentaron como favores o que en realidade son dereitos: vivenda, axudas, atención social…”, sinalou.
Espinosa advertiu que, tras un ano de goberno, os problemas de fondo seguen sen solución. “Temos a sanidade pública nun dos seus peores momentos, o acceso á vivenda está bloqueado, o galego perde falantes, os concellos están a asumir e pagar funcións que lle corresponderían á Xunta, e o apoio á industria practicamente desapareceu”.
Tamén mencionou a recente crise dos aranceis de Trump como exemplo da falta de resposta real por parte da Xunta: “Reuníronse varios conselleiros, fixeron fotos, pero ao final ofreceron só uns créditos do IGAPE que xa existían. Nada novo. Só unha posta en escena”.
Como alternativa a esta “ausencia de proxecto”, o Grupo Socialista presentará no debate propostas concretas e realistas. Entre elas, destaca a creación dun Banco Público de Alugueiro para facilitar o acceso á vivenda, especialmente da mocidade, e un plan de reforzo urxente da Atención Primaria, para garantir unha sanidade pública accesible e de calidade en todo o territorio.
“Galicia necesita un proxecto con ambición, ideas claras e que represente o cambio que precisamos. Esa é a alternativa que representa o PSdeG”, subliñou Espinosa.
A viceportavoz socialista rematou sinalando que, “agás sorpresa maiúscula”, agarda un debate que volverá ser “máis do mesmo: un presidente que oculta a súa inacción detrás da soberbia. Esa é a realidade tras 16 anos de goberno do PP: unha Galicia estancada e cada vez máis afastada do que podería ser”.