O PSdeG levará ao Pleno da Deputación un plan de choque para o SAF e o apoio ao sector gandeiro por Mercosur

O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o martes, dúas iniciativas centradas no reforzo dos servizos públicos esenciais e na defensa do sector primario, dous piares fundamentais para o equilibrio territorial e social da provincia. Por unha banda, o PSdeG reclamará á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan de choque para incrementar a dotación orzamentaria do Servizo de Atención no Fogar (SAF) que reciben os concellos; e, pola outra, defenderá a protección dos gandeiros lucenses fronte aos posibles efectos do acordo comercial entre a Unión Europea e os países de Mercosur.
A primeira das iniciativas, presentada como Proposta de Goberno, denuncia a situación límite que atravesan moitos concellos como consecuencia da infradotación continuada do Servizo de Atención no Fogar por parte da Xunta de Galicia. O PSdeG advirte de que o progresivo envellecemento da poboación, a falla de prazas públicas residenciais e a perda de poboación no rural están a incrementar a demanda dun servizo esencial que garante a autonomía e a dignidade das persoas maiores nos seus fogares.
Segundo se recolle na proposta, numerosos concellos da provincia están a destinar arredor do 25% do seu orzamento municipal á cobertura do SAF, o que provoca que, en moitos casos, a práctica totalidade do capítulo de gasto quede absorbida por este servizo, limitando gravemente a capacidade das administracións locais para atender outras necesidades, investimentos ou servizos básicos.
O Grupo Socialista lembra que o custo medio por hora do SAF sitúase actualmente entre os 22 e os 26 euros, mentres que a achega da Xunta continúa moi afastada destas cifras. Esta situación, advirten, pon en risco tanto a viabilidade económica dos concellos como a propia continuidade deste servizo fundamental no que a demanda segue medrando.
Por todo iso, a iniciativa reclama á Xunta de Galicia un plan de choque que garanta a prestación universal do SAF a todas as persoas que o demanden dentro dos prazos legais e con independencia do concello no que residan; que preserve a capacidade orzamentaria dos concellos; que a achega autonómica se sitúe ata, como mínimo, os niveis reclamados polos concellos a través da FEGAMP; e que substitúa a política de sancións por accións específicas de apoio aos municipios con necesidades especialmente urxentes.
Defensa do sector gandeiro lucense ante o acordo UE-Mercosur
A segunda iniciativa que o PSdeG levará a Pleno é unha moción en defensa dos gandeiros lucenses ante o acordo entre a Unión Europea e os países de Mercosur, cuxa aplicación terá un impacto directo sobre a gandería galega e o conxunto do sector agroalimentario.
Os socialistas subliñan que a apertura comercial “debe abordarse con rigor, responsabilidade e firmeza política desde todas as institucións”, e sempre acompañada de garantías efectivas que eviten unha competencia desleal e protexan os estándares de produción europeos. Neste sentido, alertan de que Galicia, e especialmente a provincia de Lugo pola súa forte dependencia do sector primario, terá que facer fronte a desafíos relacionados co equilibrio do mercado e coa renda das explotacións.
A moción recolle que, aínda que os volumes de importación autorizados polo acordo representan unha porcentaxe reducida da produción comunitaria, unha aplicación desequilibrada e sen os controis necesarios pode ter efectos moi negativos sobre as explotacións gandeiras. Por iso, o PSdeG insta a reforzar os controis fronteirizos; garantir o cumprimento estrito dos estándares sanitarios, ambientais e de benestar animal esixidos na Unión Europea; activar cláusulas de salvagarda se se producen distorsións no mercado; promover a diferenciación da carne galega por calidade, orixe e sustentabilidade; e defender unha PAC forte e reforzada.
A voceira socialista, Pilar García Porto, destacou que as dúas iniciativas responden a “dous ámbitos clave para o presente e o futuro da provincia: a defensa do sector gandeiro -que é estratéxico para Lugo- e a garantía de servizos sociais públicos que dean resposta ás necesidades reais da veciñanza”. Nese sentido, advertiu de que “nin os concellos poden seguir asumindo o custo do Servizo de Atención no Fogar nin o sector primario pode quedar desprotexido ante acordos comerciais”, e concluíu que “é imprescindible que todas as administracións asuman a súa responsabilidade, comezando pola Xunta de Galicia”.