O PSdeG pide á Xunta que rectifique e manteña os 13 empregos eliminados na AG-41

A deputada socialista Paloma Castro reclama que se respecte o dereito á subrogación e se evite a perda de 13 postos nos novos pregos de mantemento da autovía do Salnés.
Paloma Castro Psoe
11 Aug 2025

O Grupo Socialista rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta rectifique e corrixa a eliminación de 13 postos de traballo nos novos contratos de mantemento da autovía do Salnés (AG-41).

A deputada Paloma Castro explicou que o Goberno galego publicou en xuño os pregos para a conservación da rede autonómica de estradas e, “sen dar moitas explicacións”, retirou estes empregos no lote 6 (Pontevedra Norte), no que se integrou o mantemento da AG-41 tras o rescate da concesión. “Son persoas que levan anos facendo o mantemento desta vía. Que pasa agora con elas? Van quedar na cuneta mentres a Xunta di que todo está ben?”, cuestionou.

Castro lembrou que o persoal afectado presentou escritos, agardou respostas e mesmo acudiu ao TACGAL para frear o proceso, pero “ninguén os escoitou”. “Detrás de cada praza que se suprime hai un nome, unha familia, unha historia”, subliñou.

A proposta socialista inclúe unha Proposición non de lei para o Pleno, ademais de preguntas e unha interpelación directa ao Goberno galego, co obxectivo de modificar os pregos e recoñecer o dereito á subrogación, “como marca a lei e como sería de xustiza”.

“Non pode ser que Feijóo e Rueda presuman de rescatar autovías e logo deixen tirados aos traballadores que as manteñen día a día”, advertiu a deputada, quen recalcou que “isto non vai de cifras nin de contratos, senón de persoas e de decencia”.

⚙ Configurar cookies
0.34250402450562