O PSdeG pide á Xunta que se sume ao acordo estatal para triplicar o investimento público en vivenda

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, emprazou hoxe ao goberno galego a sumarse ao acordo de vivenda que proporá o Executivo central na Conferencia de Presidentes do vindeiro venres. Font reclamou que a Xunta abandone o “desleixo” dos últimos anos e asuma dunha vez por todas a responsabilidade que implica a crise de acceso á vivenda en Galicia.
O deputado socialista pediu á Xunta que apoie a proposta estatal para triplicar o investimento público neste ámbito, onde o Goberno central asumiría o 60 % e Galicia só tería que aportar o 40 %. Criticou que a Xunta executase só o 30,1 % do programa de Acceso á Vivenda o ano pasado e deixase sen executar case a metade das axudas ao Fomento da Rehabilitación.
Font defendeu tamén a proposta do Goberno de blindar de forma indefinida a cualificación das vivendas con protección pública, impedindo a súa descualificación e posterior venda no mercado libre, como fórmula para garantir o seu uso social e frear a especulación.
Ademais, reclamou a creación dunha base de datos pública e compartida entre administracións sobre os prezos da vivenda, accesible á cidadanía, para mellorar a transparencia e a eficacia das políticas públicas neste ámbito.