O PSdeG pide á Xunta unha revisión profunda do modelo urbanístico por “alimentar a especulación”

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamou á Xunta de Galicia unha revisión profunda do modelo urbanístico galego ao considerar que favorece a especulación e aumenta a desigualdade territorial
Aitor Bouzas
14 Mar 2026

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, urxiu á Xunta de Galicia a realizar unha “revisión profunda” do modelo urbanístico galego, ao considerar que está a “alimentar a especulación e a desigualdade territorial”.

Bouza realizou estas declaracións durante a comparecencia da directora xeral de Urbanismo no Parlamento de Galicia para facer balance dunha década da Lei do Solo de Galicia.

Segundo indicou, durante estes dez anos aplicáronse máis de 90 modificacións á normativa urbanística, moitas delas incorporadas a través da Lei de Acompañamento, o que, ao seu xuízo, permitiu evitar o debate parlamentario.

O deputado socialista criticou que a política urbanística da Xunta priorizase a liberalización do solo fronte á planificación estratéxica.

Segundo afirmou, o Goberno galego desenvolveu unha xestión máis orientada a favorecer os intereses do mercado que o interese xeral, o que, ao seu xuízo, supón un fracaso á hora de garantir o dereito á vivenda.

Bouza advertiu de que non se pode falar de éxito urbanístico cando o principal problema social está directamente relacionado coa política de solo e coa falta de planificación pública.

Neste sentido, lembrou que o número de persoas demandantes de vivenda pública continúa medrando en Galicia, o que evidencia, segundo indicou, que o modelo actual non está a dar resposta ás necesidades da cidadanía.

Tamén criticou que a simplificación de procedementos administrativos se utilizase como escusa para desregular o mercado e reducir garantías na planificación urbanística.

O portavoz socialista defendeu a necesidade de apostar por unha planificación máis estratéxica que permita reforzar a vivenda pública, avanzar cara a un maior equilibrio territorial e garantir a sustentabilidade do desenvolvemento urbanístico.

Bouza concluíu citando ao arquitecto e exalcalde de Santiago de Compostela Xerardo Estévez, quen defendía que o urbanismo debe ser unha ferramenta para construír cidades máis xustas e habitables e non un instrumento ao servizo da especulación.

0.34951305389404