O PSdeG pide aplicar o decreto estatal de comedores saudables en Galicia

Patricia Iglesias reclama que a Xunta cumpra o Real Decreto estatal para garantir menús saudables con produto local en comedores escolares, hospitais e residencias.
Psoe
19 Apr 2025

A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, anunciou unha nova batería de iniciativas parlamentarias para garantir que os comedores públicos dependentes da Xunta dean prioridade ao consumo de produtos de proximidade. A proposta chega dous días despois de que o Goberno de España aprobase en Consello de Ministros o Real Decreto de Comedores Escolares Saudables e Sostibles.

Este decreto fixa que o 45% das froitas e hortalizas servidas sexan de tempada, que un mínimo do 5% do gasto se destine a produto ecolóxico, e establece a obrigatoriedade de eliminar alimentos ultraprocesados e frituras dos menús, servindo cinco comidas saudables á semana.

Patricia Iglesias lembrou que o Parlamento galego xa aprobara por unanimidade unha proposta socialista en febreiro para implantar este modelo alimentario nos comedores públicos. “Non hai máis escusas”, declarou, instando á Xunta a actuar con responsabilidade e adaptar os pregos de contratación para cumprir os novos requisitos.

A deputada tamén puxo o foco no contexto internacional e nas ameazas comerciais, e defendeu que a compra pública debe ser unha ferramenta para defender a produción galega. Por iso, propón aprobar unha Estratexia Galega de Contratación Pública que obrigue a incluír cláusulas de produto local e ecolóxico en todos os comedores dependentes da Xunta.

“Non pedimos nada que non estea xa aprobado por lei a nivel estatal. O que pedimos é que a Xunta cumpra coa súa responsabilidade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.11777901649475