O PSdeG pide axudas para persoas celíacas polos altos prezos dos alimentos sen glute

O PSdeG e Xuventudes Socialistas de Galicia presentaron esta mañá no campus de Santiago unha campaña a favor das persoas celíacas. Coincidindo coa proximidade do Día Internacional da Celiaquía, o 5 de maio, a deputada Elena Espinosa e o secretario xeral de XSG, Xurxo Doval, reclamaron á Xunta a creación dunha liña de axudas económicas para compensar o elevado custo dos alimentos sen glute.
A proposta, rexistrada xa no Parlamento galego, prevé que estas axudas se concedan en función da renda para aliviar a carga económica que supón seguir unha dieta específica. Segundo os datos achegados, o sobrecusto pode superar os 1.000 euros ao ano por persoa, con produtos como o pan ou a pasta que poden chegar a ser entre un 450 % e un 750 % máis caros.
“Cinco euros poden ser cinco barras de pan ou unha soa barra sen glute”, exemplificou Doval, que tamén advertiu da dificultade para moitas persoas novas en situación precaria. Espinosa sinalou que para un mileurista ese sobrecusto representa unha parte moi significativa da súa renda mensual.
A iniciativa tamén pide á Xunta que desenvolva plans de formación e sensibilización dirixidos ao sector da hostalería, para garantir que as persoas celíacas poidan acceder a unha oferta segura e adaptada ás súas necesidades.
Segundo a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), a enfermidade afecta arredor de 27.000 persoas e os diagnósticos medran un 30 % anual. Con todo, estímase que ata o 80 % da poboación celíaca aínda non está diagnosticada.