O PSdeG pide un plan urxente para inserir laboralmente a 33.400 persoas en paro de longa duración

O PSdeG reclamou este xoves á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan urxente de inserción laboral dirixido ás 33.400 persoas desempregadas de longa duración, que representan arredor dun terzo do paro galego. A demanda foi trasladada pola deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta durante a súa intervención na comisión parlamentaria de emprego, onde advertiu de que “Galicia precisa un cambio real en política de emprego” e acusou ao Goberno de Rueda de mostrar un “triunfalismo” que non reflicte a realidade de quen máis sofre o desemprego.
Segundo explicou, máis de 22.000 galegos e galegas levan dous anos ou máis buscando traballo, unha situación que cualificou como “un problema estrutural” que a Xunta “leva 15 anos sen abordar con seriedade”. A portavoz socialista insistiu en que o desemprego de longa duración “non é unha estatística, senón un síntoma das políticas incoherentes e da falta de planificación do PP”.
Rodríguez Dacosta puxo cifras enriba da mesa:
102.600 persoas desempregadas en Galicia.
33.400 levan máis dun ano sen emprego.
22.100 levan dous anos ou máis.
Ademais, lembrou que a comunidade continúa cun mercado laboral “menos dinámico” ca media estatal, cunha taxa de actividade do 53,8 %, fronte ao 59,3 % de España, e cunha fenda de xénero persistente (9 % de paro feminino fronte ao 7 % entre os homes).
Para reverter esta situación, o PSdeG propón un plan de choque realista e viable, centrado en non deixar a ninguén atrás. Entre as medidas principais destacan:
Formación en competencias clave
O obxectivo é que todas as persoas desempregadas poidan acceder a certificados de profesionalidade, o único itinerario formativo que garante unha cualificación recoñecida e axustada ás necesidades das empresas. “Hoxe hai milleiros de persoas que non poden acceder a esa formación porque o sistema non identificou a tempo as súas necesidades”, denunciou.
Prácticas laborais reais
O plan inclúe a creación de prácticas “de polo menos seis meses a tempo completo”, fronte ás prácticas curtas e pouco útiles que hoxe existen.
Acceso universal á formación cualificadora
“Todos, non só unha parte”, subliñou.
Incentivos ás empresas
Para contratar a persoas con máis de 24 meses en paro, priorizando mulleres, maiores de 45 anos e familias con cargas, así como medidas específicas para o rural.
Reforzo dos servizos públicos de emprego
Para garantir seguimento individualizado, estabilidade, planificación e avaliación pública. “Se non se avalía, non existe”, advertiu.
A deputada concluiu afirmando que a mellora global dos datos do emprego non vai reducir automaticamente o paro de longa duración: “É necesaria unha intervención pública potente. Sen ela, milleiros de persoas seguirán atrapadas nunha situación que non escolleron”.