O PSdeG pide unha campaña para protexer os areais do Salnés e garantir o equilibrio entre turismo e marisqueo

O Grupo Socialista reclamoulle á Xunta a posta en marcha dunha campaña informativa que garanta o equilibrio entre a actividade marisqueira e o turismo nas praias do Salnés. A parlamentaria Paloma Castro alertou da necesidade dun maior compromiso por parte da Consellería do Mar, cunha política informativa clara e multilingüe que evite a alteración dos bancos marisqueiros.
Castro advertiu de que moitos turistas, por descoñecemento, removen os fondos mariños e recollen marisco sen control, interrompendo os ciclos de rexeneración natural e comprometendo o traballo das mariscadoras. Esta práctica, ademais de danar o ecosistema e reducir a produtividade futura, implica riscos para a saúde pública ao consumirse moluscos sen control sanitario.
A actual sinalización nas praias é escasa, pouco visible e en moitos casos non está en varios idiomas, obrigando ás mariscadoras a actuar como vixilantes informais. Castro reclama unha campaña moderna, eficaz e accesible que informe da normativa a todas as persoas que visitan estas praias, fonte de vida e sustento para moitas familias.
A socialista concluíu que “falar de turismo responsable non é un slogan, é unha necesidade”, e que Galicia non pode promocionarse como paraíso natural mentres descoida os efectos da masificación. Urxe un modelo sostible, con políticas públicas comprometidas e información clara para protexer o futuro do mar galego.