O PSdeG propón crear un Observatorio da Morte Digna tras o aumento histórico dos testamentos vitais en Galicia

Os socialistas vinculan o incremento dos testamentos vitais cun maior debate social arredor do final da vida e propoñen un órgano estable para avaliar e mellorar a aplicación da lei.
Elena Espinosa
19 Jan 2026

O PSdeG rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para mellorar o coñecemento, o acceso e a aplicación efectiva da prestación de axuda para morrer, entre as que destaca a proposta de crear un Observatorio da Morte Digna en Galicia.

A iniciativa, presentada pola deputada socialista Elena Espinosa, parte dun dato que reflicte un cambio profundo na conciencia social: durante o ano 2025 rexistráronse en Galicia 6.049 documentos de instrucións previas ou testamentos vitais, máis do dobre que no ano anterior. Para o PSdeG, trátase dun incremento sen precedentes que non pode explicarse unicamente por razóns administrativas ou demográficas.

Os socialistas vinculan este aumento coa maior visibilidade social do dereito a unha morte digna, impulsada tanto polo labor de entidades da sociedade civil como polo impacto de casos persoais que abriron un debate público necesario. Nese contexto sitúan o da activista viguesa Laura Fernández Abalde, integrante de DMD Galicia, cuxa historia contribuíu a romper silencios arredor do final da vida.

“O que durante moito tempo foi un tema tabú pasou a ocupar un espazo central na conversa social grazas ao compromiso de persoas e colectivos que defenderon este dereito con valentía”, sinalan desde o Grupo Socialista, que considera que esta maior conciencia cidadá explica, en boa medida, o aumento dos testamentos vitais rexistrados no último ano.

A proposta recolle tamén as conclusións dos informes do Ministerio de Sanidade e da propia Xunta de Galicia, que coinciden en advertir de que a prestación de axuda para morrer segue a ser insuficientemente coñecida pola cidadanía, malia os avances nos tempos de resolución dos procedementos.

Neste contexto, o PSdeG defende a creación dun Observatorio da Morte Digna como ferramenta pública para avaliar a aplicación da lei, detectar posibles desigualdades territoriais, reforzar a formación do persoal sanitario e impulsar accións informativas dirixidas á cidadanía, incluído o fomento dos documentos de instrucións previas.

Para Elena Espinosa, “non abonda con que un dereito exista: ten que ser coñecido, accesible e exercible en condicións de igualdade en todo o territorio”. A deputada socialista advirte de que limitarse a unha aplicación mínima da lei non responde ao cambio social que se está a producir e subliña que “cando milleiros de galegas e galegos deixan por escrito como queren ser tratados no final da súa vida, a política ten a obriga de escoitar”.

⚙ Configurar cookies
0.35652279853821