O PSdeG propón un pacto de país para abandonar o modelo de incineración de residuos en Galicia

O PSdeG propón un gran pacto de país para abandonar o actual modelo de tratamento de residuos en Galicia, baseado na incineración, e avanzar cara á economía circular. A deputada socialista Paloma Castro rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento na que insta á Xunta a deixar atrás o modelo de Sogama, ao que cualificou de “modelo cheminea”.
A proposta chega tras o anuncio do presidente Alfonso Rueda dun investimento de 100 millóns de euros ata 2030 para desenvolver a folla de ruta da Sociedade Galega do Medio Ambiente. Segundo Castro, este plan “consolida un sistema obsoleto” que mantén a Galicia á cola do Estado no cumprimento dos obxectivos ambientais da UE.
“A incineración non pode seguir sendo o centro da política de residuos en Galicia. Hai fondos europeos e capacidade técnica para avanzar, pero a Xunta escolla a vía equivocada”, denunciou a deputada.
O PSdeG propón unha folla de ruta consensuada coa FEGAMP e coas universidades galegas, baseada na prevención, redución do lixo e reciclaxe, relegando a incineración a un papel subsidiario. O obxectivo: acadar o vertido cero antes de 2030.
Desde o grupo socialista insisten en que a proposta “vai máis alá das siglas” e apela á responsabilidade colectiva para construír un modelo sostible, xerador de emprego e en liña co que xa están facendo outras comunidades autónomas.