O PSdeG reclama a Feijóo unha condena ao ataque contra Camela Silva

Lara Méndez lembra que a escala de letrados da Xunta que o ex presidente di ter aprobado non existiu ata 1991 e avanza as iniciativas socialistas para o Pleno
Lara-Méndez-PSOE
24 Nov 2026

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, esixiu este martes a Alberto Núñez Feijóo que condene o ataque que sufriu o domingo a presidenta do partido, Carmela Silva, cando alguén escribiu "puta" xunto ao seu nome na fachada do edificio de Vigo onde vive o seu fillo. "O odio xera odio", resumiu Méndez, que atribúe ese clima ao que o PP leva catro anos inoculando. "Como se ve culpable por inocular ese odio, non se ve con autoridade para manifestarse rotundamente en contra destes actos."

A denuncia xa está presentada e o partido chegará ata o final. Méndez lembrou que non é un feito illado, xa que nos mesmos días apareceu outra pintada na sede socialista de Ponteareas, o día dun mitin, e unha persoa anónima foi atacada nas redes simplemente por saír nunha foto cunha bolsa do PSOE.

Tampouco hai explicacións de Feijóo sobre o seu currículo. "Que se pode esperar dunha persoa que aspira a ser presidente do Goberno cando mente no seu currículo?", preguntou. O líder popular presume de ter aprobado en poucos meses a oposición a letrado da Xunta, pero entrou na administración galega en 1985 e a escala de letrados non se creou ata 1991. A primeira promoción é de 1996, cando el xa presidía o Insalud en Madrid. Ao seu equipo, que fala agora de "linguaxe coloquial", Méndez respondeulle que esa linguaxe "o que xera son máis bulos, máis mentiras, que acaban en odio". E na semana do 25 de novembro, insistiu, "isto tamén é violencia".

Na Xunta de Portavoces, o PSdeG votou en contra das normas para designar unha terna de xuristas para unha praza de maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aprobadas só co PP, pola súa falta de pluralidade e proporcionalidade. Méndez reprochou aos populares que apelen á maioría da Mesa mentres a cuestionan noutros órganos, como a Fegamp. "O Partido Popular só ve lexitimadas as maiorías cando o favorecen".

Asuntos do pleno

No pleno, o secretario xeral e voceiro parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, preguntaralle a Alfonso Rueda como pensa abordar os asuntos prioritarios co Goberno de España. Os socialistas levarán unha proposición non de lei para que a Xunta deixe de boicotear as políticas estatais de vivenda e exerza a competencia exclusiva que lle dá o artigo 27.3 do Estatuto, cunha política propia dotada con recursos propios.

A interpelación será ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, polo Plan de reforma da atención primaria e comunitaria, que Méndez considera "propaganda con moito bombo, pero con pouco contido" e "un plan chamado ao fracaso ou, no mellor dos casos, á irrelevancia", porque non toca o modelo asistencial nin mellora as condicións dos profesionais e os recursos dos centros de saúde.

Outra iniciativa reclamará un plan de turismo integral máis alá do Camiño e porá o foco no Xacobeo 2027, que comeza en cinco semanas sen que se coñeza "nin programa, nin calendario, nin localización". "O único que sabemos é que escoitamos nas cuñas de radio que se patrocina o Xacobeo 27, pero sen ningunha programación detrás".

A moción pedirá a denegación definitiva de Altri ante "unha falta de transparencia brutal" e máis control e rendición de contas nas sociedades nas que a Xunta é socia maioritaria, como pide o Consello de Contas. Tamén reclamará acelerar os proxectos industriais estratéxicos con garantías de sustentabilidade.

Nas preguntas, o grupo pedirá un calendario para facer efectiva a transferencia da AP-9 e o compromiso de licitar o tramo final da autovía da Costa da Morte entre Baio, Vimianzo e Berdoias. E reclamará que a Xunta financie, co Concello de Vilamartín de Valdeorras, o desentullo pendente en San Vicente de Leira desde os lumes de 2025.

Méndez celebrou tamén a ampliación do permiso por falecemento a dez días, porque "todo o que sexa avanzar en dereitos é sempre unha boa nova para a clase traballadora", fronte a un PP que ameaza con reducir o salario a quen está de baixa. E a preguntas sobre Carles Puigdemont, lembrou que pode volver grazas á lei de amnistía avalada pola xustiza. "É moi libre de volver a España cando el queira e decida, porque agora si pode facelo."

2.0162098407745