O PSdeG reclama á Xunta a constitución da Comisión de Estudo sobre o Leite impulsada por Unións Agrarias

A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, emprazou hoxe a constituír canto antes a Comisión de Estudo sobre o sector do leite impulsada por Unións Agrarias e emprazou ao PP a aceptar as aportacións do Grupo Socialista para garantir que sexa “operativa, resolutiva e construtiva”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre a situación do sector, que está a ser “refén da industria” mentres o goberno galego “mira para outro lado”.
A responsable socialista alertou fronte á “visión negativa” e o “non por diante” do Grupo Popular nas Comisións de Estudo e Investigación e reclamou que acepten as aportacións do Grupo Socialista “para mellorar a situación” dun sector que resulta “imprescindible” na economía galega e conta coa “capacidade de ser competitivo”. Chamou a constituír un órgano “rigoroso, responsable, executivo” e que sexa “efectiva máis aló do titular dun día”.
Méndez reclamou que a Comisión de Estudo poida analizar e propoñer políticas de apoio ao sector para garantir a rendibilidade das explotacións e o relevo xeracional. Propuxo analizar o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e o reforzo do Observatorio Galego do Sector Lácteo e promover acordos estables derivados da negociación colectiva entre o sector e a industria que garantan a cobertura dos custes de produción.
A parlamentaria socialista criticou que o goberno galego mire para outro lado mentres as explotacións gandeiras están a se converter en “reféns da industria”, que obriga a asumir contratos de venda por debaixo dos custes de produción empregando a competencia desleal de leite foránea. Sinalou que mentres aumenta a conta dos resultados da industria aumenta, Galicia está a ver como pecha unha explotación cada día pola suba de custes de produción e a caída dos prezos do leite.
Advertiu que “cada granxa que pecha incrementa máis a dependencia externa” de Galicia, mentres o sector se mobiliza para denunciar diante da Axencia de Información e Control Alimentario e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia pola vulneración da lexislación e a falla de control efectivo do sector do leite.
CRÍTICAS CONTRA OS RETRASOS DO PLADIGA
Pola súa banda, a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao goberno galego de presentar o Plan de Prevención contra os Incendios Forestais -Pladiga- de novo “meses tarde, ás agochadas e sen facer un mínimo de autocrítica”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Defensa do Monte no Parlamento, onde Dacosta alertou de que o Plan repite os erros que provocaron que 2025 fora o peor ano de incendios da historia de Galicia.
A responsable socialista criticou que o goberno galego non teña aprendido “practicamente nada” do pasado verán e volveron aprobar o Pladiga tan fóra de prazo que xa tiñan rexistrado os primeiros incendios do ano na Laracha e Pontearas. Dacosta sinalou que o documento tiña que ter sido aprobado en outubro do ano pasado, pero agardaron ata o Consello do 13 de abril deste ano, “como se non existiran lumes de sexta xeración, brigadistas feridos nin aldeas cercadas polo lume”.
Advertiu que a comparecencia de hoxe provoca “un déjà vú”, que replica o mesmo escenario do ano pasado para presentar un Pladiga que “non aprende practicamente nada do sucedido en 2025”. Este documento chega hoxe ao Parlamento, “tarde para planificar, para executar, para reaccionar e para asumir responsabilidades”, que volve desatender á prevención e converte o territorio “nun polvorín” cada verán.
Criticou que o goberno galego repite un ano máis un sistema “baseado na improvisación, na precariedade e na externalización”, recorrendo a dispositivos externos e temporais. Citou o caso “paradigmático” de Seaga, con 42 brigadas novas e 181 efectivos con contratos de 90 días de persoal “sen experiencia previa, con salarios inferiores e peores condicións laborais”, concentradas en Ourense, o que “evidencia que saben perfectamente que o operativo estrutural non chega”.
Explicou que están afrontando uns incendios do século XXI “cun operativo pensado para os incendios de hai trinta anos”. Explicou que “seguimos sen ordenación seria do territorio, sen prevención continua, sen profesionalización suficiente, sen avaliación independente nin autocrítica, mentres o rural permanece abandonado e acumulando biomasa sen limpar ano tras ano.
Advertiu que a Xunta substitúa a prevención real por “propaganda e externalización”, con menos presenza humana no territorio, deixando a vixilancia a cámaras e drons que “detectan unha porcentaxe mínima” dos conatos de incendio que poden ver os profesionais. Dacosta esixiulle ao alto cargo que priorice a formación, coordinación, os equipamentos, a integración no operativo e a estabilidade dos equipos.