O PSdeG reclama á Xunta que acepte os 380 millóns do Plan Estatal de Vivenda para Galicia

O parlamentario socialista Carlos López Font esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixe de usar a vivenda como campo de batalla política” e acepte de inmediato os 380 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda destinados a Galicia.
Durante a súa intervención na Comisión de Obras Públicas, López Font criticou a “falta de vontade política” do PP para impulsar a construción de vivenda pública e cualificou de “irresponsabilidade monumental” o rexeitamento das partidas por parte da Xunta, un “NON ideolóxico imposto por Feijóo dende Madrid”.
O deputado lembrou que estes fondos supoñen “a maior aposta pola vivenda pública en 40 anos”, xa que multiplican por 2,5 o investimento anterior e permitirían levantar máis de 4.000 vivendas protexidas en Galicia. “Hai recursos, hai proxectos e hai vontade política por parte do Goberno de España; o que falta é valentía por parte da Xunta”, subliñou.
Segundo explicou, o executivo galego deixou sen executar en 2024 un total de 42 millóns de euros destinados a facilitar o acceso á vivenda, mobilizando só o 30% das partidas previstas, e no que vai de 2025 apenas leva executado o 5%. Ademais, en 15 anos só promoveu 20 vivendas públicas fronte ás 7.200 construídas entre 2005 e 2009 polo goberno de Pérez Touriño.
López Font advertiu que “cada euro non executado representa vivendas que non se construíron, alugueiros que non se axudaron e familias que quedaron sen alternativa digna”. Ao seu xuízo, a situación “compromete a credibilidade institucional da Xunta ante a cidadanía, que xa non soporta máis promesas baleiras nin expectativas frustradas, senón que esixe acción real e resultados visibles”.
Por iso, reclamou ao goberno galego que acepte as partidas procedentes do Estado e as execute “con eficacia e transparencia, garantindo que cada euro se traduza en vivenda pública real”.