O PSdeG reclama o cese do equipo de Política Social polo “colapso” dos servizos sociais

O Grupo Socialista reclamou no Parlamento o cese de todo o equipo da Consellería de Política Social polo “colapso” dos servizos sociais, denunciando listas de espera en Dependencia, centros saturados e falta de liderado
Silvia Longueira
Actualizada el 20 noviembre 2025, 10:59 horas
19 Nov 2025

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, instou no Parlamento ao cese de todo o equipo directivo da Consellería de Política Social ao considerar que o departamento atravesa unha situación de “falla de liderado e de dirección”.

A deputada presentou unha proposición non de Lei para substituír o equipo que dirixe Fabiola García ante o “colapso” do sistema de Servizos Sociais, unha iniciativa que finalmente foi rexeitada polo PP.

Longueira advertiu dunha situación “insostible”, cun persoal “esgotado” e con salarios “por debaixo de convenio”, mentres os centros de maiores permanecen “ateigados” e as listas de espera en Dependencia “se cronifican de xeito irreversible”. Criticou tamén que en Galicia “non exista unha igualdade de trato” e que territorios con problemas similares reciban respostas diferentes, o que provoca unha “desigualdade endémica”.

A deputada atribuíu estes problemas á estratexia do PP de “enmagrecer a estrutura do sistema público de servizos sociais ata a mínima expresión”. Citou como exemplo a falta de prazas residenciais, así como o peche da vivenda comunitaria San Gabriel de Xinzo e da residencia Xardín de Amoeiro por “faltas graves de coidado, irregularidades laborais e deficiencias hixiénico-alimentarias”.

Longueira sinalou que Galicia se sitúa xa entre as comunidades con máis demora para a primeira valoración da Dependencia, chegando a existir “solicitudes de 2023 sen abrir”. Ademais, criticou que se estean a trasladar aos concellos os custos do Servizo de Axuda no Fogar, malia ser competencia da Xunta, negándose ao mesmo tempo a negociar coa Fegamp para abordar o colapso do sistema.

Noutra fronte, acusou ao Goberno galego de rexeitar 23 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de novas escolas infantís, mentres “se gastan catro veces máis en prazas privadas ca nas públicas”. Para o PSdeG, isto revela unha intención de “desmantelar o modelo público” e favorecer o negocio das escolas privadas.

A portavoz socialista denunciou tamén que o terceiro sector e os concellos están a actuar “como financiadores” do servizo de discapacidade, obrigados a pedir créditos para afrontar salarios e gastos correntes, o que os coloca nunha situación económica “límite”.

Por todo isto, reclamou que a Xunta presente nun prazo dun mes un novo equipo á fronte da Consellería e que defina as liñas de acción necesarias para corrixir estes problemas, que afectan á poboación galega “na terceira idade, na infancia e na discapacidade”.

⚙ Configurar cookies
0.316899061203