O PSdeG reclama transparencia á Xunta na vaga de incendios: “A información salva vidas”

O Grupo Socialista lembrou hoxe a importancia da transparencia informativa na actual vaga de incendios forestais, logo de que un medio dixital galego alertase de que a Xunta ocultou máis de 400 incendios só neste mes de agosto.
A portavoz socialista de política forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, subliñou que “non é unha reclamación nova nin improvisada: levamos días insistindo en que a cidadanía ten dereito a coñecer en tempo real que estradas están pechadas, que aldeas foron evacuadas ou que zonas seguen en risco”.
Rodríguez Dacosta advertiu de que o grupo xa presentou preguntas por escrito no Parlamento pedindo explicacións, “ás que aínda non houbo resposta”. Para a deputada, “o silencio non axuda. O que axuda é a transparencia, porque reduce a incerteza e dá confianza ás familias que viven momentos de angustia”.
O PSdeG reitera que a Xunta debería comparecer a diario para trasladar a información que manexan o Cecopi e os técnicos, sempre co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e protexer o territorio.
“Desde o primeiro día dixémolo con claridade: a información salva vidas. E a cidadanía merece que o seu Goberno lla dea con rigor e sen retrasos”, concluíu Rodríguez Dacosta.