O PSdeG reclama un novo Plan Estratéxico de Saúde Mental ante o colapso do sistema

Elena Espinosa denuncia que a Xunta non garante unha atención en saúde mental de calidade e urxe un novo plan estratéxico con máis recursos, profesionais e redución das listas de espera.
Elena Espinosa
25 Jun 2025

O Grupo Socialista reclamou no Parlamento de Galicia a aprobación dun novo Plan Estratéxico de Saúde Mental que recolla as necesidades reais da poboación, conte coa participación do persoal especializado e solucione o colapso actual do sistema. A deputada Elena Espinosa denunciou a falta de calidade, accesibilidade e igualdade na atención á saúde mental, cun sistema afectado pola escaseza de recursos, os recortes e a mala planificación.

Segundo explicou, o plan vixente naceu con base nun estudo de 2009 e presenta importantes carencias segundo o Consello de Contas: atrasos na contratación de persoal, proxectos prioritarios non executados e un 16% do orzamento sen gastar. A ratio de profesionais tamén é deficitaria: Galicia conta con 8,7 psiquiatras por cada 1.000 habitantes, moi por debaixo das recomendacións da OMS (13-15).

Espinosa puxo o foco nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte, onde as listas de espera para a primeira consulta aumentaron un 297% entre 2019 e 2023. Ademais, só tres das sete áreas sanitarias cumpren o obxectivo de reducilas. O PSdeG propón un Plan de Acción 2026-2027 que inclúa máis profesionais, atención ás adiccións integrada no SERGAS, coordinación coa Atención Primaria e medidas para reducir o suicidio.

A viceportavoz socialista insistiu na necesidade dun enfoque integral e interdisciplinar e pediu consenso parlamentario para non darlle as costas ao 27% da poboación que precisa mellor atención en saúde mental.

⚙ Configurar cookies
0.27900505065918