O PSdeG reclama un Pacto Local para garantir unha financiación xusta e acabar coas subvencións “a dedo”

Patricia Iglesias denuncia que máis da metade das subvencións da Xunta aos concellos son entregadas sen criterios obxectivos e reclama un novo modelo de financiamento municipal pactado coa Fegamp e os partidos políticos.
Patricia Iglesias
14 Jun 2025

O Grupo Socialista galego pediu este mércores a posta en marcha dun Pacto Local galego que asegure unha financiación xusta, equitativa e eficiente para os concellos. A portavoz de Transparencia do PSdeG, Patricia Iglesias, denunciou na Comisión de Economía que a Xunta concede “a dedo” máis da metade das subvencións aos concellos, segundo o último informe do Consello de Contas.

Iglesias advertiu que o 52 % das subvencións se asignan sen concorrencia competitiva, o que vulnera tanto a lexislación galega como a estatal sobre subvencións. Sinalou que o PP favorece aos concellos da súa cor política, provocando unha situación de infrafinanciación asfixiante para moitos gobernos locais.

Tamén alertou de que o goberno galego deixou de ingresar 91 millóns de euros aos concellos, segundo o Consello de Contas, e que o 80 % dos fondos destinados a entidades locais teñen finalidades pechadas, impedindo a súa libre xestión.

A portavoz socialista criticou que a Xunta sobrecarga de competencias aos concellos sen proporcionar o financiamento necesario. Citou como exemplo a obrigación dos municipios de asumir custos en educación, escolas infantís ou centros de saúde, competencias que deberían ser da Xunta. “Invita pero non paga”, resumiu Iglesias.

Ademais, criticou o aumento insuficiente de só 5 millóns de euros no Servizo de Axuda no Fogar, cando a Fegamp calcula unha débeda de 654 millóns da Xunta cos concellos por competencias transferidas sen recursos.

⚙ Configurar cookies
0.30291104316711