O PSdeG reclama un plan da Xunta para apoiar ás empresas afectadas polos aranceis e o PP vota en contra

O Grupo Socialista propuxo activar un fondo de axuda directa e medidas de apoio ao tecido produtivo galego fronte á guerra comercial impulsada por EE.UU. O PP rexeitou a iniciativa.
Patricia Iglesias
11 Jun 2025

O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta a posta en marcha dun plan de axuda ás empresas galegas afectadas pola guerra comercial provocada polos aranceis decretados polos Estados Unidos. A moción, defendida por Patricia Iglesias, incluía a creación dun fondo de apoio directo, a diversificación de mercados internacionais e a promoción exterior dos produtos galegos. A proposta foi rexeitada polo PP.

A iniciativa tamén incluía a convocatoria de reunións periódicas con asociacións empresariais, sindicatos e organizacións agrarias como Unións Agrarias, para avaliar o impacto do conflito e coordinar respostas. Ademais, instaba á Xunta a informar regularmente no Parlamento sobre os efectos dos aranceis na economía galega.

Iglesias criticou duramente a postura do PP, lembrando que tamén votaron en contra do plan de 14.000 millóns de euros impulsado polo Goberno de España para apoiar aos sectores afectados. Cualificou a súa negativa como “un exercicio de oposición sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos”.

A deputada socialista destacou que sectores estratéxicos como o agroalimentario, o conserveiro, o naval, a automoción ou o viño poden verse seriamente prexudicados, polo que considera imprescindible un apoio firme tamén desde Galicia. “Votar contra ese plan é darlle as costas a Galicia”, sentenciou.

Criticou que comunidades como Andalucía, Cataluña ou A Rioxa xa tomasen medidas, mentres a Xunta mantén o silencio. “Rueda reaccionou con pasividade e pouca ambición”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.26450490951538