O PSdeG reforza os seus mecanismos internos contra o machismo e o acoso

O PSdeG-PSOE aprobou un manifesto no que reclama máis garantías internas, canles seguras de denuncia e mecanismos efectivos de protección fronte a condutas machistas dentro da organización
Psoe
12 Dec 2025

O PSdeG-PSOE celebrou unha reunión de traballo do seu Grupo de Igualdade, convocada pola secretaria de Organización, Lara Méndez, e pola secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, na sede nacional do partido. No encontro aprobouse un manifesto co que a formación socialista reforza o seu compromiso na loita contra o machismo e na prevención do acoso no ámbito interno.

O documento, que será remitido aos órganos competentes do partido, reclama máis garantías internas, procedementos claros e transparentes, canles seguras de denuncia e mecanismos efectivos de protección para as mulleres que poidan sufrir situacións de acoso ou comportamentos machistas. Ademais, aposta por asegurar acompañamento psicolóxico e xurídico ás vítimas e por activar medidas cautelares proporcionadas que garantan a súa protección.

As participantes na reunión insistiron en que os feitos coñecidos “non son incidentes illados”, senón expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal, e trasladaron o seu apoio a todas as mulleres vítimas de comportamentos machistas, tanto dentro como fóra do partido.

Tras a aprobación do manifesto, Lara Méndez subliñou que o PSdeG é “o partido que máis avanzou na defensa da igualdade”, lembrando que os principais avances neste ámbito chegaron da man de gobernos socialistas. “A igualdade non se defende só con discursos, senón con feitos, normas claras e decisións valentes”, afirmou, ao tempo que instou ao resto de forzas políticas a reforzar tamén os seus mecanismos internos.

A dirixente socialista destacou, así mesmo, que o PSOE foi pioneiro na creación dun canle interno antiacoso, operativo e verificable, e defendeu a necesidade de que todas as organizacións políticas conten con ferramentas eficaces para garantir contornas libres de violencia.

O manifesto aprobado inclúe unha batería de medidas, entre as que figuran o cumprimento rigoroso dos compromisos adquiridos polo partido, a implantación transversal da perspectiva feminista en toda a estrutura orgánica, a formación obrigatoria en igualdade e violencia machista, a recuperación do Consello Asesor de Igualdade e a creación dun Observatorio de Condutas e Boas Prácticas.

As mulleres do PSdeG coincidiron en sinalar a importancia de que este documento sexa “vivo e útil”, de xeito que sirva para avanzar nun partido máis seguro para as mulleres e máis coherente cos principios feministas que defende.

⚙ Configurar cookies
0.24003911018372