O PSdeG reprocha a Rueda que deixe a Galicia fóra do Plan Estatal de Vivenda pese a ter milleiros de persoas en lista de espera

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, lamenta que a Xunta renuncie a fondos estatais para vivenda mentres hai máis de 22.000 galegos e galegas demandando vivenda protexida.
Juan Manuel Psoe
9 Jun 2025

O secretario de Política Municipal do PSdeG e alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, criticou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitase a participación de Galicia no Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 impulsado polo Goberno de España e que prevía un investimento total de 7.000 millóns de euros en colaboración coas comunidades autónomas.

Rodríguez advertiu que esta decisión deixa a Galicia sen acceso a recursos clave para ampliar o parque de vivenda protexida, nun momento no que máis de 22.000 persoas están inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, segundo datos do IGVS. “A demanda medra, pero a Xunta non actúa”, asegurou.

O plan estatal incluía medidas como declarar vivenda protexida toda aquela que reciba financiamento público, crear un rexistro público de prezos reais de compra e alugueiro e promover vivenda pública con apoio dos concellos. “É unha proposta seria, con investimento asegurado. Pero unha vez máis, Rueda aposta polo bloqueo”, lamentou.

Desde a súa experiencia como alcalde, sinalou que “sen apoio da Xunta, os concellos non podemos responder sós á crise de vivenda”. E engadiu: “Non é un debate político, é unha necesidade real. Rueda escolleu seguir o guión de Feijóo antes que defender aos galegos que agardan por un fogar”.

⚙ Configurar cookies
0.42941784858704