O PSdeG urxe a Rueda a frear a “chantaxe” á veciñanza de Xuxán

O PSdeG insta a Rueda a intervir de inmediato para frear a “chantaxe” á que a xestora de Xuxán somete a 224 familias e garantir os prezos sociais das vivendas, ante o risco de perder máis de 10 millóns en fondos europeos.
Julio Abalde e Carlos Piñeiro
13 Aug 2025

O PSdeG levará ao Parlamento a “situación límite” que viven 224 familias que aspiraban a acceder a unha vivenda de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán. As deputadas Silvia Longueira e Julio Abalde, acompañados polo concelleiro de Urbanismo da Coruña, Francisco Díaz Gallego, e varias persoas afectadas, reclamaron hoxe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, actúe antes do venres para deter o que cualifican de “chantaxe intolerable” por parte da xestora da promoción, Gesvieco, contratada pola concesionaria Galivivienda.

Segundo Longueira, as familias están “angustiadas” despois de que se lles impoña a sinatura, antes do 15 de agosto, de condicións que “rompen o carácter social” dun proxecto pensado para alugueiros de 300 a 500 euros, e que agora pasarían a 1.000 euros mensuais. O proxecto, desenvolvido en catro parcelas cedidas pola Xunta e con 10,7 millóns de euros de fondos europeos, corre o risco de perder a subvención se as obras non rematan en 2026.

Abalde criticou que se estea a converter unha iniciativa para persoas con baixos ingresos “nunha operación para investidores”, cunhas vivendas que reverterán á Xunta en 50 anos. Ambos reclamaron explicacións sobre a adxudicación, o cumprimento dos pregos e o uso dos fondos, e esixiron que se respecte o dereito das familias a votar decisións que afectan ao seu capital social.

O concelleiro Francisco Díaz Gallego reiterou o apoio do Concello e instou a manter as condicións iniciais. Pola súa parte, un dos cooperativistas, Luis Allegue, cualificou a situación de “desesperada” e pediu á Xunta que pase das palabras aos feitos, aplicando sancións e fiscalizando a xestión.

⚙ Configurar cookies
0.32581996917725