O PSdeG urxe a Rueda aclarar que modelo de financiamento quere para Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle este xoves ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare con transparencia que modelo de financiamento autonómico defende para Galicia, coincidindo coa presentación do novo sistema por parte do Goberno de España.
Besteiro lembrou que chegan trece anos cun modelo de financiamento caducado tras a inacción dos gobernos do PP e salientou que, por primeira vez, o Executivo estatal pon enriba da mesa unha proposta para corrixir as deficiencias actuais e garantir máis recursos para todas as comunidades autónomas. Unha proposta que será presentada pola vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Neste contexto, o líder socialista advertiu de que o debate non pode converterse en “ruído político nin confrontación estéril” e criticou que aínda non se coñeza a posición do Goberno galego. “O que non sabemos é que modelo defende Alfonso Rueda para Galicia nin se está disposto a aproveitar esta oportunidade para mellorar o financiamento do país ou se seguirá facendo o xogo aos intereses do PP estatal”, sinalou.
Besteiro apostou por un modelo de financiamento adaptado ás singularidades de Galicia, que teña en conta factores como a dispersión poboacional, o envellecemento, o peso do rural e as dificultades do territorio. “O financiamento ten que responder á realidade galega e ás necesidades reais da cidadanía”, subliñou.
O secretario xeral do PSdeG incidiu en que o obxectivo fundamental do novo sistema debe ser garantir a igualdade de oportunidades, vivan as persoas nun concello pequeno, nunha vila ou nunha área urbana. “Todas teñen dereito aos mesmos servizos públicos”, afirmou, destacando a importancia dun financiamento suficiente para reforzar a sanidade e a educación.
Ademais, defendeu a condonación da débeda como unha ferramenta necesaria para liberar recursos e destinalos directamente a mellorar a vida da xente. Fronte a isto, criticou que o PP continúe sen presentar ningunha proposta concreta. “Mentres o Goberno de España cumpre e presenta unha alternativa, Rueda segue sen dicir que financiamento quere para Galicia”, concluíu.