O PSdeG urxe á Xunta a dar respostas en vivenda e sanidade no Pleno do Parlamento

A portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, anunciou que o PSdeG levará ao próximo Pleno do Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas centradas nas principais preocupacións da cidadanía, entre elas o acceso á vivenda e a situación da sanidade pública.
Espinosa explicou que a pregunta ao presidente da Xunta estará centrada na situación da vivenda en Galicia e nas medidas que debe adoptar o Goberno galego para garantir o acceso a unha vivenda digna. Segundo indicou, os prezos continúan en aumento e o parque público resulta insuficiente, o que dificulta o acceso á vivenda para moitas persoas, especialmente para a mocidade e para as familias con rendas medias e baixas.
De acordo cos datos oficiais da Xunta, máis de 30.100 persoas están inscritas como demandantes de vivenda pública en Galicia. Para a portavoz socialista, esta cifra evidencia a dimensión do problema e require medidas concretas. “Non abonda con anuncios. Galicia necesita planificación, compromisos concretos e resultados medibles”, advertiu.
No ámbito sanitario, o grupo socialista presentará unha interpelación ao conselleiro de Sanidade para que explique a situación dos servizos de urxencias. Espinosa sinalou que as saturacións e demoras que se repiten nos hospitais evidencian unha falta de previsión e de reforzos estruturais que acaba recaendo no esforzo dos profesionais sanitarios.
Ademais, o PSdeG formulará dúas preguntas orais relacionadas coa sanidade pública. A primeira sobre a demanda de máis persoal e recursos materiais por parte do persoal non facultativo do servizo de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti, e a segunda sobre a necesidade de mellorar as instalacións do Centro de Saúde de Carral.
Coincidindo coa semana do Día Internacional da Muller, os socialistas presentarán tamén unha proposición non de lei para impulsar unha estratexia educativa fronte á desinformación e aos discursos de odio por razón de xénero, especialmente dirixidos á infancia e á mocidade.
Outra das iniciativas estará centrada no impacto do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur no sector produtivo galego, reclamando medidas de acompañamento e apoio para garantir a protección dos intereses dos produtos galegos.
Por último, o grupo socialista formulará unha pregunta urxente á conselleira de Industria para aclarar a planificación do sector eólico tras a suspensión do recurso de inconstitucionalidade presentado polo Estado, reclamando unha folla de ruta clara que achegue seguridade xurídica.
En relación coa comisión de investigación sobre o proxecto industrial de Altri, que tamén será debatida no pleno, Espinosa afirmou que existe a “sensación clara de que enganaron a todo o mundo”, ao presentarse como un proxecto estratéxico con garantías económicas, sociais e ambientais que, segundo sinalou, non se corresponderon posteriormente coa realidade.