O PSdeG valora as bonificacións do 75% na AP-9 fronte aos que "critican pero non fixeron nunca nada polos usuarios"

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, valorou hoxe que, pese a quen "critican pero nunca fan nada", a Autoestrada do Atlántico conta na actualidade con bonificacións de ata o 75% do prezo para usuarios recorrentes, avanzando así cara á súa gratuidade.
"As galegas e galegos seguimos pagando a AP-9 por culpa do Partido Popular, que prorrogou a concesión sen necesidade", recordou Torrado, subliñando que a infraestrutura xa estaría libre de peaxes se non fose pola decisión de José María Aznar.
O PSdeG impulsa a gratuidade da AP-9
Nese senso, apuntou que se hoxe se paga menos por circular pola autoestrada é grazas ao impulso do Partido Socialista, que ten defendido a gratuidade como primeiro obxectivo dentro dos tres debates existentes sobre a principal vía de comunicación de Galicia:
- Gratuídade total da AP-9
- Rescate da autoestrada para o sector público
- Transferencia da xestión a Galicia
"Estamos avanzando cara á gratuidade sós, porque ninguén votou nunca a favor desta medida salvo o Partido Socialista", afirmou Torrado.
Un rescate responsable e suxeito á revisión de Europa
Sobre o rescate da autoestrada, o portavoz explicou que se trata dunha medida que o Goberno de España está a analizar con prudencia e sensatez, xa que ten un custe moi elevado. Ademais, destacou que a Unión Europea está a revisar a legalidade da ampliación da concesión que no seu día aprobou o PP.
"Pero os socialistas galegos seguimos traballando para que o rescate se faga realidade", concluíu.