O PSdeG ve na suspensión parcial da lei eólica “un modelo de excepcións e decisións a dedo”

Patricia Iglesias afirma que a decisión do Tribunal Constitucional non paraliza as renovables, senón que cuestiona a ampliación da discrecionalidade política na planificación eólica.
Patricia Iglesias
18 Feb 2026

A deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, sinalou que a suspensión cautelar de artigos da lei eólica galega por parte do Tribunal Constitucional deixa en evidencia “un modelo baseado en excepcións á planificación e na ampliación da discrecionalidade política nun sector estratéxico”.

Segundo explicou, o recurso presentado polo Goberno do Estado foi admitido a trámite o pasado 29 de xaneiro tras un proceso de diálogo institucional no que parte das discrepancias quedaron resoltas nunha comisión bilateral. “Non existe ningún ataque a Galicia”, subliñou.

Iglesias desmontou o que cualificou de “fake news” do PP ao asegurar que a suspensión non paraliza a repotenciación nin as renovables en Galicia. O que queda suspendido, afirmou, é unha modificación concreta introducida a través da lei de acompañamento aos Orzamentos de 2026 que permitía autorizar parques fóra da planificación sectorial e concentraba poder discrecional no Consello da Xunta.

A deputada lembrou que Galicia continúa rexéndose por un plan eólico de 1997, que considera obsoleto e sen adaptación plena á normativa ambiental europea. “En vez de revisar o plan con transparencia e participación, optouse por introducir excepcións nunha lei de acompañamento”, criticou.

Tamén puxo o foco na sociedade Recursos de Galicia, participada pola Xunta, cuestionando a separación de funcións entre a administración que autoriza proxectos e a entidade que pode participar neles.

Para o PSdeG, o debate non é sobre a implantación das renovables, senón sobre o modelo de xestión. “Estamos a favor da transición enerxética e da repotenciación, pero con planificación actualizada, regras claras e seguridade xurídica”, concluíu Iglesias.

⚙ Configurar cookies
0.35097098350525