O PSdeG ve no peche de Impulsa Galicia a proba do “fracaso absoluto” da política industrial do PP

Patricia Iglesias critica a falta de transparencia no peche “pola porta de atrás” da sociedade público-privada e vincúlao ao “modus operandi” do PP para evitar controis.
Patricia Iglesias
8 Aug 2025

O PSdeG denunciou este xoves que o peche de Impulsa Galicia, anunciado “pola porta de atrás e en plenas vacacións” mediante un comunicado, é a demostración do “fracaso absoluto” da política industrial do PP. A deputada Patricia Iglesias acusou á Xunta de actuar con falta de transparencia e lembrou que a disolución se produce só un mes despois de que os socialistas anunciasen que reclamarían por vía xudicial o documento do pacto asinado coa empresa Altri para a pasteira de Palas de Rei.

Iglesias cuestionou que vai acontecer agora con ese acordo e advertiu de que esta manobra podería servir para mantelo “a salvo” da fiscalización institucional e do coñecemento público. Xa a principios de xullo denunciara “indicios preocupantes” de contratacións opacas e sen garantías, con empresas ligadas ao PP e forte impacto económico.

Segundo a Xunta, o peche xustifícase polo “cumprimento do seu propósito fundacional” tras contribuír á recuperación económica pospandemia. Para a deputada socialista, trátase dunha escusa que confirma que “onde estaban os proxectos prometidos no 2021? En ningures”. Criticou tamén que como “legado” se mencionen iniciativas como Recursos de Galicia, “cun funcionamento igualmente opaco”, o centro de datos de Curtis “sen novidades desde hai un ano” e a pasteira de Palas de Rei, “sen cumprir requisitos para optar a fondos públicos”.

O PSdeG comprométese a seguir reclamando toda a documentación de Impulsa Galicia ante os organismos de transparencia e, se é necesario, nos tribunais.

⚙ Configurar cookies
0.20971894264221