O PSdeG ve “perigosa e inaceptable” a ampliación a 75 anos das concesións portuarias

O deputado do PSdeG Carlos López Font cualificou de “perigosa e inaceptable” a modificación da Lei de Portos impulsada polo Goberno galego, que ampliou ata 75 anos a duración das concesións portuarias. Segundo denunciou, o cambio normativo foi introducido “escondido” na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña os Orzamentos da Xunta para 2025.
Durante a súa intervención en comisión parlamentaria, López Font advertiu de que non se trata dunha cuestión técnica, senón dun “cambio de modelo” que outorga máis poder discrecional á Xunta sen debate sectorial, sen participación pública e sen informes ambientais específicos. “É un ataque directo ao control parlamentario”, afirmou.
O parlamentario socialista criticou que a reforma careza de criterios obxectivos para conceder prórrogas de ata 75 anos. “Fálase de investimentos importantes e de actividades estratéxicas sen definir que significan estes conceptos. Cando non hai criterios claros, o que hai é arbitrariedade”, subliñou.
Neste sentido, denunciou que “a Xunta decide unilateralmente quen gaña e quen perde, que concesións se prorrogan e que empresa é estratéxica”, o que xera “dúas ameazas evidentes: opacidade e favoritismos, ademais dun posible trato desigual entre concesionarios e usuarios do litoral”. Para López Font, a reforma permite crear “procedementos ad hoc”, convertendo á autoridade portuaria en parte interesada en lugar de árbitro imparcial.
O deputado referiuse tamén ás implicacións ambientais nun litoral galego “baixo enorme presión”, con problemas de perda de biodiversidade, contaminación das rías e impactos paisaxísticos. “Ampliar concesións de uso privativo ata 75 anos en zonas sensibles pode ser unha decisión irreversible a escala xeracional”, advertiu.
Ademais, criticou que o procedemento actual non obrigue a realizar avaliacións ambientais estratéxicas, nin a garantir a participación cidadá nin a elaborar informes independentes.
“Privatización encuberta do litoral”
López Font afirmou que a reforma responde á mesma filosofía que está a guiar outras políticas no litoral desde a asunción das competencias pola Xunta: a flexibilización da ocupación do dominio público marítimo-terrestre. “Estase construíndo un modelo de litoral privatizado e fragmentado, ao servizo dunha estratexia partidista e non dun proxecto de país”, asegurou.
Fronte a isto, o PSdeG defendeu unha política portuaria transparente, participada e con criterios públicos, con avaliación ambiental rigorosa, debate parlamentario e garantías de retorno social, para manter o equilibrio entre actividade económica e protección ambiental. “Necesitamos regras claras e iguais para todos, sometidas ao control público, e non unha privatización encuberta do litoral”, concluíu.