O PSOE acusa a Rueda de boicotear á conferencia sectorial co Plan de Educación Inclusiva

O voceiro de Educación reclama que a Xunta rectifique “de maneira inmediata” e se sente a repartir uns fondos que “precisan os nenos e as nenas”
Aitor Bouza
30 Jul 2026

O deputado do Grupo Parlamentario Socialista e voceiro de Educación, Aitor Bouza, denunciou que detrás da decisión do Partido Popular de non acudir á Conferencia Sectorial de Educación “non só hai unha falta de respecto institucional”, senón sobre todo “un modelo” que o PP quere implantar e que “acaba frontalmente coa educación inclusiva en Galicia”.

Bouza esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “deixe de torpedear” un acordo que ía beneficiar aos galegos e ás galegas, e en particular a todas as persoas que precisan de educación inclusiva, de profesorado, de PT (Pedagoxía Terapéutica) e de AL (Audición e Linguaxe), uns apoios que “tan necesarios” van ser o vindeiro curso escolar “fronte aos recortes do Partido Popular”.

O voceiro socialista lembrou que na orde do día da reunión figuraba a distribución territorial de máis de 31 millóns de euros para o impulso e a calidade da Formación Profesional, ademais do Plan Estratéxico de Educación Inclusiva e a reforma da educación de 0 a 3 anos. “O que non se pode facer é pedir fondos cunha man e rexeitalos e ningunear o Ministerio que vai dar eses fondos coa outra”, criticou.

Neste sentido, defendeu que a Formación Profesional “precisa de máis fondos”, unha reivindicación que, subliñou, non parte só do Partido Socialista, “senón de toda a comunidade educativa”.

Bouza pediu “responsabilidade” ao Partido Popular e, “sobre todo”, que “rectifique de maneira inmediata” e se sente a abordar “unha cuestión tan importante, tan fundamental para a educación galega e para os nenos e as nenas que tanto precisan eses fondos para que exista unha igualdade real e efectiva na nosa comunidade autónoma”.

0.33485198020935