O PSOE acusa á Xunta de abusar da temporalidade entre os traballadores públicos

O portavoz de Administración Pública do Grupo Socialista, Carlos López Font, reclamoulle hoxe á Xunta que responda do “abuso da temporalidade” entre os traballadores da Administración autonómica. O parlamentario socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias logo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga á Xunta a indemnizar a unha traballadora de terapia ocupacional de Vigo á que obrigou a encadear contratos durante 15 anos.
López Font reclámalle á Administración autonómica que dea conta dos casos de abuso da temporalidade e habilite os mecanismos necesarios de control interno para frear estas prácticas. Alertou fronte á “falla de planificación, abuso masivo e arbitrariedade” na xestións dos recursos humanos por parte da Xunta, que somete ao persoal funcionario a unha situación de “maltrato sistemático” contra as condicións laborais e redunda na perda de calidade da atención á cidadanía.
Esta é unha mostra máis, explicou, dunha Administración “instalada no caos, a improvisación, a falla absoluta de planificación e o maltrato sistemático ao persoal, que é o seu principal activo”. Así o demostran os atrasos de anos nos concursos de traslados, a coincidencia de procesos selectivos, estabilizacións, promocións internas e tomas de posesión, o abuso das comisións de servizos, inseguridade xurídica, conflitos xudiciais “e a incerteza que sofren milleiros de empregados públicos
O parlamentario socialista aféalle ao PP que teña empregado á función pública como un “laboratorio de improvisación”, con persoal encadeando contratos temporais durante décadas ou un exército de funcionarios que levan anos agardando por procesos sen resolver. Apuntou os casos de persoal afectado pola promoción interna que se ven relegadas ao final de forma arbitraria, ou unidades enteiras sometidas a mobilidade masiva.