O PSOE acusa á Xunta de no actuar para paliar a caída da produción apícola

O Grupo Parlamentario Socialista levará ao Parlamento a situación da apicultura galega para reclamarlle á Xunta un plan integral fronte á velutina, e os efectos do cambio climático. A portavoz socialista de Medio Rural, Lara Méndez, denunciou a pasividade do Goberno galego ante a "situación crítica" que atravesa o sector, en plena campaña de recollida e cunha caída da produción de mel dun 50 % nos últimos anos.
Méndez sinalou, en especial, a presión da vespa velutina sobre as colmeas, que este ano se intensificou provocando estragos aínda peores que os que se rexistraban en tempadas anteriores. Desde o sector calculan, á vista do volume de individuos da especie invasora arredor das colmeas, que a súa presenza se multiplicou incluso por tres en comparación co ano pasado. Criticou que "a Xunta, que ten as competencias para combater esta praga, mira para outro lado ou, no mellor dos casos, mobiliza uns medios ridículos", advertiu.
Esa percepción do sector coincide cos datos da propia Administración autonómica. Só no mes de xuño, os avisos por presenza de velutina superaron os 7.400 en Galicia, máis do triplo que no mesmo mes de 2025, cos equipos de Seaga desbordados en plena campaña. "Os números son da Xunta, non nosos. Os avisos triplícanse e a resposta segue a ser a mesma de hai dez anos: un teléfono, unha empresa pública sen medios abondo e moita nota de prensa. Ao PP o rural interésalle en campaña e esquéceo o resto do ano", criticou.
Tal como lembrou a secretaria de Organización do PSdeG, outro elemento súmase este ano á "tormenta perfecta" que acaba coas abellas, como é a seca. O clima cada vez máis extremo reduce os períodos de floración e impide aos enxames obter alimento abondo para si e para a produción de mel. "É preciso deseñar xa unha estratexia para atallar un problema que vai ir a peor de ano en ano", sinalou.
Lara Méndez destacou non só a importancia económica e social dun sector que conta con preto de 5.000 explotacións en Galicia, a terceira comunidade de España por número de titulares. Recordou tamén que as abellas son o principal polinizador para moitas especies de cultivo e silvestres, polo que o descenso da súa poboación tamén representa unha ameaza para o medio ambiente.
A parlamentaria socialista demandou, por parte da Xunta, un plan integral que aborde todos eses problemas e poña en marcha medidas para palialos a curto prazo e revertelos no futuro. Demandou tamén máis protección ao produto da terra, de maior calidade, fronte ao mel procedente doutros países que se comercializa a prezos moi inferiores, e que moitas veces o consumidor final ten dificultades para diferenciar.
A iniciativa insta a Xunta a acordar co sector un plan integral que inclúa un calendario de trampeo coordinado cos concellos, medios suficientes para a retirada de niños, axudas específicas para as explotacións afectadas, impulso á investigación a través de convenios coas universidades galegas e medidas de protección e posta en valor do mel galego fronte ao produto importado.