O PSOE acusa á Xunta de "ocultar" os incendios de menos de 20 hectáreas

Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á Xunta que deixe de ocultar os incendios que afectan a extensións por debaixo das 20 hectáreas, como vén facendo ata agora. En comisión parlamentaria celebrada esta mañá, defendeu que a transparencia é necesaria para coñecer a realidade da actividade incendiaria, avaliar as políticas de prevención e garantir que a cidadanía dispoña de información para garantir a súa seguridade.
A deputada socialista advertiu que “que non aparezan nos comunicados habituais non significa que non se producisen, e que non superasen as 20 hectáreas non significa que non teñan importancia”. Afirmou, pola contra, que eses lumes tamén afectan ao territorio e obrigan a mobilizar medios públicos. “Forman parte da realidade que debemos coñecer para avaliar se as medidas de prevención están funcionando”, subliñou.
Dacosta apuntou que en moitas ocasións a rápida actuación dos profesionais dos servizos de extinción “permite controlalos antes de que adquiran maiores dimensións”, e por iso é aínda máis necesario dispor de datos. “Precisamente porque ese traballo existe, porque hai brigadas, motobombas, axentes forestais e demais persoal que intervén desde o primeiro momento, tamén debemos coñecer o conxunto da actividade incendiaria, e non só os grandes lumes”, matizou.
Lembrou tamén que durante a vaga do verán de 2025 a información que circulou foi a través de fontes “non oficiais”, sen que existise unha comunicación pública equivalente da Administración autonómica. “A información tamén é seguridade cidadá”, destacou a parlamentaria do PSdeG, que chamou a atención sobre que un lume que só afecte a cinco hectáreas “pode producirse nas proximidades dunha estrada, dunha explotación agraria… e a veciñanza pode precisar saber onde se está producindo e se hai restricións á circulación”.
“A información pública non substitúe aos servizos de emerxencias, pero contribúe á protección da cidadanía”, insistiu. Pero introduciu “outra razón fundamental” para incrementar a transparencia: “Como podemos avaliar a eficacia das políticas de prevención se non coñecemos o conxunto dos incendios? Como podemos sabre se determinadas parroquias presentan unha reiteración de lumes? Como podemos identificar os territorios nos que se concentran os incendios se a información pública habitual non permite coñecer os que afectan a menor superficie?”, preguntou.
Por iso, a iniciativa que Carmen Rodríguez Dacosta levou á comisión inclúe “tres peticións concretas”. A primeira, que a Administración autonómica faga pública toda a información e durante todo o ano, “completa e actualizada”. A segunda, que esa información inclúa datos “básicos” como o número total de incendios, as datas nas que se produciron, a súa localización, a que tipo de superficie afectaron e que medios participaron na extinción, “porque ás veces din un número de brigadas e están incompletas, e así din que hai un exército e só hai tres persoas” . E en terceiro lugar, que se estableza un sistema público e accesible para consultar esa información.
“Precisamos datos de todos os lumes, información territorial e de superficies e un sistema público de consulta durante todo o ano”, reiterou a deputada socialista ante noticias como que en 2025 se produciron 1.475 incendios malia que non se informou de 1.300 deles. Ou o que é o mesmo, que segundo publicaron medios de comunicación, “a Xunta ocultou 20 incendios ao día durante a vaga de agosto de 2025”.