O PSOE acusa á Xunta de repartir a metade das subvencións "mediante o dediño máximo"

A portavoz socialista de facenda e administración pública, Patricia Iglesias, alertou hoxe do contido do último informe de fiscalización da conta xeral da comunidade autónoma de Galicia emitido polo Consello de Contas, correspondente ao exercicio 2024. O organismo “volve lanzar unha seria advertencia”, asegurou a deputada do PSdeG, que dixo que o documento vén confirmar que o PP “confunde o partido coa institución”.
Segundo salientou Iglesias, do devandito informe despréndese que o 41,27 % das subvencións concedidas pola Xunta e a súa estrutura dependente foron tramitadas “mediante concesión directa, sen publicidade e sen concorrencia”.
“Case un de cada dous euros foron repartidos mediante o dediño máxico que tanto lle gusta ao Partido Popular”, censurou sobre unha Administración galega “que substitúe procedementos competitivos polo dedazo”, recorrendo á utilización “reiterada e sistemática” dunha vía extraordinaria.
A parlamentaria socialista criticou que se produce “un beneficio sistemático” a concellos nos que gobernan os populares, mentres mantén “asfixiados” a aqueles que teñen unha alcaldía de distinta cor política.
Citou exemplos de como se distribúen as subvencións, entre eles, o da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que concede máis do 80 % das súas axudas a municipios do PP. Ou que co cambio de goberno en Lugo “logo do vergoñento pacto do tanatorio”, a Xunta desbloqueou proxectos que tiña aparcados cando non tiña a alcaldía. Denunciou que ese xeito de proceder non só merma a autonomía local, senón que a iso “chámaselle clielentelismo”. “Non é Galicia calidade, é Galicia caridade”, afeoulles aos populares, aos que acusou de crear “relacións de dependencia usando recursos públicos”.
Por todo o antedito, Patricia Iglesias reclamou a redución das subvencións directas e os convenios de colaboración sen concorrencia competitiva, a elaboración dun informe completo sobre todos os procedementos dese tipo e a súa remisión ao Parlamento, o establecemento de criterios obxectivos para a concesión das axudas, o reforzo dos mecanismos de control sobre elas e a comparecencia na Cámara autonómica das persoas responsables da política de subvencións da Xunta.