O PSOE acusa ao PP de ir contra os estudantes ao non construír máis residencias universitarias

O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Aitor Bouza, acusou hoxe ao PP de situarse en contra dos e das estudantes e do seu programa electoral de 2024 ao opoñerse á proposta do Grupo Socialista para incrementar as residencias públicas universitarias. Bouza presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para incrementar as residencias públicas ata chegar ao dez por cento dos estudantes das universidades públicas.
O responsable socialista presentou esta iniciativa, que será votada mañá mércores, para que o número de prazas nas residencias de estudantes pasen de unha para cada 45 que hai na actualidade a unha para cada dez.
Advertiu que a vivenda constitúe hoxe en día unha “segunda reválida” para os estudantes galegos que cada ano teñen que padecer as “colas da vergoña” na busca dun “cuchitril” onde vivir durante o curso universitario. Sinalou que constitúe un “drama real” para os alumnos e alumnas que “quedan sen estudar porque non poden atopar unha vivenda” ou mesmo teñen que escoller a súa carreira en función da residencia.
Bouza presentou esta proposta dirixida a garantir este “dereito básico inclusivo” por medio das residencias pública financiadas polo goberno galego a través dunha liña específica no Plan de Financiamento das universidades. Esixiulle ao goberno galego que “non fagan como coas primeiras matrículas gratuítas, que anunciou Rueda pero que teñen que pagar as universidades”, e asuman o custe desta medida con cargo aos fondos propios.
O parlamentario socialista salientou que o PP, que hoxe anunciou o seu voto en contra desta proposta, está a contradicir o seu propio programa electoral de 2024, cando o propio Rueda, acompañado da organización xuvenil dos conservadores, comprometera a construción de máis residencias universitarias. “Ou Rueda minte ou vostede non se entera”, espetoulle ao portavoz do Grupo Popular.
Criticou que no Parlamento aseguren que “non poden facelo” porque é competencia das universidades, en contra dos seus propios compromisos electorais e da Lei do Sistema Universitario de Galicia, que obriga ao goberno galego a garantir os recursos das universidades públicas.