O PSOE acusa ao PP de negar axudas aos mariscadores afectados polo peche de bancos marisqueiros

Os socialistas denuncian a falta de subvencións e esixen á Xunta medidas urxentes para o sector
deputado-do-PSdeG-Julio-Abalde
18 Feb 2025

O PSOE acusou hoxe ao PP de rexeitar na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia a posta en marcha de axudas para os mariscadores e mariscadoras afectados polo peche de bancos nas rías galegas. Os socialistas aseguran que o PP negou o seu apoio a unha iniciativa na que o Grupo Socialista lle reclamaba á Xunta unha convocatoria urxente de subvencións para compensar a paralización da actividade debido á baixa produtividade.

O deputado do PSdeG Julio Abalde sostén que os datos de 2024 confirman un descenso dramático na produción, especialmente no caso do berberecho, cunha caída do 93 %. Segundo os socialistas, esta situación afecta especialmente ao marisqueo libre, tanto a pé como en embarcacións, así como á pesca de baixura e litoral. “O incremento dos prezos non compensa a drástica redución de capturas”, sinala Abalde.

O PSOE denuncia que o deterioro dos bancos marisqueiros se agrava ano a ano, con perdas de toneladas de bivalvos e millóns de euros en facturación. Segundo Abalde, a facturación en 2024 reduciuse á metade con respecto ao quinquenio anterior. Asegura que, malia que a Consellería do Mar recoñece agora o impacto do cambio climático, as condicións ambientais e a contaminación, “segue botándolle a culpa a outras administracións” e evita regular o baleirado dos encoros ou avaliar o efecto das medidas postas en marcha.

Os socialistas insisten en que a solución pasa por un plan serio de saneamento e rexeneración das rías, xa que consideran que as medidas actuais son insuficientes. “Os parches xa non valen”, afirma Abalde.

Cuantías insuficientes para a rexeneración

O parlamentario socialista tamén critica que as axudas á rexeneración publicadas pola Xunta en decembro son insuficientes, pois só financian un máximo de 15.000 euros por proxecto. Do mesmo xeito, cualifica de escasas as axudas á restauración da biodiversidade, con 1,1 millóns de euros en xullo e 1,9 en decembro para toda Galicia.

Lembra, ademais, que en novembro o Parlamento aprobou por unanimidade a creación dun fondo de axudas para os traballadores do mar afectados pola paralización da actividade, pero que, segundo o PSOE, aínda non se sabe se serán tramitadas as axudas correspondentes ao peche dos bancos en 2025. Por iso, Abalde insta á Xunta a recorrer ao FEMPA ou a fondos propios para evitar que, como en períodos anteriores, se perdan fondos europeos sen executar.

0.090426921844482