O PSOE advirte de que a Xunta perderá 8,5 millóns de euros para recuperar os montes queimados por mala xestión

O Grupo Parlamentario Socialista advertiu hoxe de que a Xunta pode perder por mala xestión máis de 8,5 millóns de euros achegados polo Goberno de España para recuperar os montes afectados polos incendios de 2025. Dos 9,5 millóns aprobados para trece actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, a execución certificada apenas alcanza os 928.151 euros, un 9,77% do total.
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista, Lara Méndez, e a deputada Carmen Rodríguez Dacosta alertaron en rolda de prensa de que os prazos para rematar as obras vencen, segundo cada expediente, entre o 16 de agosto e o 30 de setembro. A Xunta dispón, polo tanto, de apenas dous ou tres meses para executar o 90% do orzamento pendente.
Os fondos foron habilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica despois dos incendios que arrasaron Galicia durante o verán de 2025, con especial dureza na provincia de Ourense. Larouco e Oímbra sufriron os dous maiores lumes da serie histórica, cunha superficie afectada próxima ás 55.000 hectáreas. Concellos como Chandrexa de Queixa, A Mezquita ou Carballeda de Valdeorras padeceron tamén danos devastadores.
Foi a propia conselleira do Medio Rural quen pediu por escrito a colaboración económica do Goberno central. Na súa solicitude recoñecía que máis de 65.000 hectáreas de montes veciñais en man común resultaran afectadas, que arderan dous millóns de metros cúbicos de madeira e que o lume alcanzara espazos protexidos como o Macizo Central, Os Ancares-Courel ou Pena Trevinca.
“O Goberno de España respondeu e fíxoo con rapidez. Aprobou trece obras por 9,5 millóns de euros, adxudicadas a trece pequenas e medianas empresas galegas. En decembro estaban todas iniciadas”, explicou Lara Méndez.
A viceportavoz socialista incidiu en que foi a Xunta quen seleccionou as zonas de actuación, propuxo os proxectos e asumiu a dirección dos traballos sobre o terreo: “Non estamos falando de obras impostas polo Goberno central. Foi a Xunta a que decidiu onde actuar e a que dixo que esas actuacións eran urxentes. Sete meses despois, non executou nin o 10%”, reprochou.
Carmen Rodríguez Dacosta detallou que cinco dos trece expedientes presentan unha execución inferior ao 5% e dez non alcanzan o 10%. A actuación Larouco I apenas chega ao 1,9% sobre un orzamento próximo aos 800.000 euros. A Mezquita I sitúase no 2,9%, Larouco IV no 3,3% e Carballeda de Valdeorras no 3,7%.
“Son cifras que non admiten maquillaxe. Quedan 8,57 millóns de euros por executar e os prazos rematan entre agosto e setembro. A Xunta ten que explicar como pensa facer en dous ou tres meses o que non fixo nos sete anteriores”, afirmou.
A deputada socialista sinalou que nove dos trece expedientes están afectados por modificacións solicitadas pola propia Xunta, actualmente en revisión ou pendentes de sinatura.
“A Consellería propuxo os proxectos e agora pide cambios cando as obras xa están en marcha. Esa forma de xestionar está atrasando unhas actuacións que ela mesma cualificou como urxentes”, advertiu.
Dacosta engadiu que, segundo a información da que dispón o Grupo Socialista, a Consellería estaría priorizando a retirada da madeira con valor comercial antes que os traballos de restauración ambiental financiados con estes fondos. Por iso, reclamou ao Goberno galego que aclare “se a súa prioridade é recuperar os montes ou facilitar primeiro o aproveitamento comercial da madeira, aínda que iso atrase todo o demais”.
“O diñeiro está aprobado, as obras están adxudicadas e hai trece pemes galegas contratadas para executalas. O que está bloqueando os traballos son as decisións da Xunta”, resumiu.
As socialistas reclamaron tamén ao Executivo de Alfonso Rueda que detalle a súa achega económica. A normativa establece que a participación da Administración Xeral do Estado nestas actuacións non pode superar o 50% do custo total, polo que a comunidade autónoma debe asumir, cando menos, a outra metade.
“Se o Goberno de España puxo 9,5 millóns, canto vai poñer a Xunta? Onde está ese diñeiro? Leva meses sen responder e ten unha interpelación rexistrada desde o 24 de abril”, sinalou Méndez.
O Grupo Socialista esixe que a Xunta explique a situación de cada unha das trece obras, desbloquee de inmediato as modificacións pendentes, aclare as razóns dos cambios introducidos e confirme publicamente a cantidade que destinará á cofinanciación. “En propaganda, o PP sempre chega a tempo. Para recuperar os montes de Ourense, leva sete meses sen gastar nin o 10% do diñeiro que ten dispoñible”, criticou Dacosta.
A parlamentaria advertiu de que, se a Xunta non cumpre tampouco coa súa achega económica, Galicia volverá atoparse ante o mesmo escenario: territorio queimado, actuacións sen executar e un Goberno galego pedindo máis axuda sen ter utilizado a que xa ten enriba da mesa.
Dacosta relacionou estes atrasos cun patrón de retrasos como o da aprobación do Pladiga 2026. O plan anual de prevención, vixilancia e extinción de incendios debía estar aprobado antes do 31 de outubro de 2025, pero o Consello da Xunta non lle deu o visto e prace ata o 13 de abril de 2026, case seis meses despois.
“Chegan tarde á prevención e tamén á recuperación do territorio despois dos incendios. E cada atraso ten consecuencias para os montes, para os concellos afectados, para as empresas que executan as obras e para a seguridade da xente”, advertiu.
Dacosta rematou cunha mensaxe directa ao Goberno galego: “Para poñerse o chaleco e saír na foto, o Goberno de Rueda está sempre o primeiro día. Para facer o traballo que protexe Galicia e permite recuperar Ourense, chega tarde ou non chega”.