O PSOE asegura que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis desigual do Estado

Afirman que o 1 % da poboación acumula case un terzo da riqueza
dineiro-cartos-moedas-orzamento
18 Jun 2026

Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado con máis desigualdade no reparto da riqueza. Así o dixo o parlamentario socialista Julio Torrado no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Economía do Parlamento para reclamarlle á Xunta que aplique políticas de redistribución da riqueza que reduzan o nivel de desigualdade, e que foi rexeitada polo PP.

Torrado explicou que só o un por cento dos galegos e das galegas acumulan o 29 por cento da riqueza, e que a metade da poboación ten tan só un de cada dez euros da riqueza total de Galicia, o que a converte na segunda Comunidade Autónoma do Estado máis desigual, só superada por Madrid. Subliñou que se trata dunha desigualdade “demasiado alta” mentres o PP prefire gobernar para a minoría máis rica.

O responsable socialista criticou que presuman duns beneficios fiscais que só afectan a 100.000 galegos e galegas -que son o 4 por cento da poboación- o que se traduce na renuncia a recursos que reforcen os servizos públicos para a maioría da poboación. E iso cando Galicia ten acadado o récord de demandantes de vivenda pública -34.000-, ten 350.000 persoas recoñecidas nas listas de espera da sanidade e supera os 300 días de agarda para a resolución da Dependencia.

Cuestionou a estratexia defendida polo goberno galego, sinaladamente polo conselleiro de Facenda, que intentan “converter a Galicia nun paraíso fiscal” para que “a xente que ten moitos cartos tribute aquí porque tributa pouco, o que supón ter menos cartos” no erario público. E isto, dixo, a costa de perpetuar a desigualdade da renda en Galicia no canto de aplicar medidas para redistribuír a riqueza e que contribúa máis quen máis ten.

O parlamentario socialista advertiu que Galicia leva “todo o tempo” intentando converxer co resto do Estado, o que significa, sinalou, que “estabamos moi abaixo”, e que neste momento continúa “creando a metade do emprego de España, ten menor riqueza e é moi desigual”. Por moito que, posta en perspectiva, a de Galicia sexa unha “historia de éxito”, puntualizou, “ que podería ter sido moito máis se non tivera, como ten, uns gobernantes covardes e submisos”.

0.28364419937134