O PSOE carga contra a Lei de Educación Dixital acusando ao PP de "cubrir só o expediente"

Aitor Bouza defendeu a creación dunha comisión de estudo que garanta o diálogo e a incorporación de melloras ao texto para que “sexa útil para a comunidade educativa”
Aitor Bouza
22 Sep 2026

O Grupo Socialista no Parlamento galego defendeu hoxe a devolución do proxecto de lei de educación dixital de Galicia e a creación dunha comisión de estudo para acadar unha norma que sirva para moito máis que “cubrir o expediente”. O portavoz socialista de educación, Aitor Bouza, así o propuxo durante o debate sobre o texto lexislativo, e lamentou que o único obxectivo do Goberno galego é presentar “simplemente unha lei para dicir que son vostedes os primeiros”.

“Nós queremos unha lei que realmente sexa útil para a comunidade educativa, e por iso seguimos propoñendo o mesmo que levamos semanas dicindo: que se faga unha comisión”, insistiu para apoiar a emenda á totalidade que presentaron os socialistas.

Bouza criticou que se abordase “sen diálogo” o que cualificou como “unha das cuestións máis importantes para a comunidade educativa”. Como mostra, sinalou que o Goberno galego non ofrece información sobre cantas das 600 achegas á lei que asegura que se recibiron foron aceptadas. “Dialogar quere dicir escoitar e incorporar melloras”, apuntou.

Censurou tamén que se trata dunha lei “enunciativa” que non garante nada. “A palabra ‘promover’ aparece 21 veces. Os dereitos aparecen en seis artigos”, remarcou. “Reúnanse coas ANPA, coa comunidade educativa, co profesorado, e verán que isto non é un paso adiante”, asegurou.

O deputado do PSdeG botou en falta, en plena tramitación dunha lei para a educación dixital, unha avaliación do Edixgal. “O señor Feijoo, que impulsou aquí o Edixgal, agora quere prohibir o Edixgal en toda España”, recordou para sinalar as contradicións do PP. “Esa é a maior emenda á totalidade que se presenta á política educativa galega, á súa propia política educativa”, subliñou.

Aitor Bouza referiuse tamén á actitude do Goberno de Rueda cos resultados do informe PISA. “Hai unha semana era todo culpa de Sánchez. Agora xa recoñecen que poden facer algo, porque veñen de aprobar medidas. Entón, por que non o fixeron antes?

Finalmente, o voceiro socialista de educación cargou contra a “criminalización absoluta” do persoal docente por parte do Goberno de Rueda. “Ese é o modelo que estivemos vendo estes días”, dixo en referencia ás declaracións do conselleiro sobre as baixas laborais. “Por que non propón un plan para recuperar todos os dereitos laborais perdidos que vostedes lle roubaron ao profesorado desde que chegaron ao Goberno?”, propúxolle.

0.33639192581177