O PSOE di que a Xunta non executou todos os fondos de controla ambiental e xestión de residuos

Aitor Bouza criticou que, de máis de 60 millóns, unicamente se gastaron 53
Aitor Bouza
5 Jun 2026

O portavoz socialista de Medio Ambiente, Aitor Bouza, denunciou esta mañá que a Xunta deixou sen executar o ano pasado a metade dos fondos destinados a control ambiental e xestión de residuos. “Nese programa había máis de 60 millóns, e gastáronse só 33”, explicou durante unha intervención en comisión parlamentaria.

“Está moi ben que digan que cren na economía circular, pero o que hai que facer é poñer recursos económicos e materiais para fomentala”, advertiulle o deputado do PSdeG ao PP, ao que acusou de basear o seu modelo unicamente “na confrontación permanente”.

Bouza preguntouse “a onde foron parar eses millóns de euros e canto podería ter feito a Xunta con eles”. Insistiu, ademais, en esixir resposta sobre se no actual exercicio orzamentario se van consumir as dotacións económicas incluídas no mesmo programa. Nese senso, lamentou que a execución vén sendo moi semellante durante os últimos anos, en concreto, “desde que a Xunta aprobou a Estratexia Galega de Economía Circular”, en 2020.

Respecto desa estratexia, establecida a dez anos, ata o 2030, botou en falta que, pasada máis da metade dese prazo, o Goberno galego realice “unha análise en vez de ofrecer sempre unha reiteración do que xa consta nela”. “Cales son os resultados?”, reclamou.

“O mellor modelo é que cando se presume de aprobar un Orzamento se execute, e o resto é tratar de enganar á cidadanía”, insistiu Aitor Bouza. “Deixen a propaganda e céntrense na xestión”, concluíu.

0.29860901832581