O PSOE esixe ao concelleiro de Educación que no faga modificacións na PAU

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle hoxe ao conselleiro de Educación que “quite as súas mans da PAU”, logo de acusalo de aproveitar a polémica cos exames deste ano para intentar aumentar a inxerencia do goberno galego na proba. Así o dixo na comparecencia do conselleiro no Pleno do Parlamento sobre as axudas I+G+i e amosar, dixo Bouza, que o goberno galego “castiga á ciencia en Galicia”.
Bouza reprochoulle ao conselleiro que estean a empregar os problemas coas probas de Historia de España e Debullo Técnico para tratar de controlar o traballo da CIUG. O responsable socialista advertiu que os socialistas galegos “vamos seguir traballando que isto non ocorra”, e esixiulle ao conselleiro de Educación que traballe “da man das universidades e non inxerir no seu traballo” para garantir que “se poidan acometer os exames da mellor forma posible”.
Así o dixo na comparecencia do conselleiro para dar conta do programa de axudas Activa I+G+i do goberno galego, que non agocha o “castigo” á ciencia aplicado polo PP dende o goberno galego. Bouza acusou ao conselleiro de “mentir” cando fala dun incremento nas partidas cando a realidade é que o orzamento do Plan Galego de I+D+i pasou de 214 millóns consolidados en 2025 a 191 nas contas para este ano 2026.
Alertou ademais de que no exercicio de 2025 deixaron sen executar máis de 100 millóns de euros sen que explicaran “onde foron os fondos que faltan” e acusou ao conselleiro de “quitar o ‘D’ do I+D+i para poñer o ‘P’ de Propaganda” e vir ao Parlamento a “fachendearse de algo que é falso”.
Esixiulles que “aposten por desenvolver a competencia en ciencia con máis fondos” propios para garantir unhas condicións laborais dignas dos investigadores. Neste sentido, criticou que o conselleiro presuma do programa de investigación ‘María Goyri’ “esquecendo” que é un programa financiado polo Estado, e ironizou sinalando que “alguén parece Dory neste Parlamento”, en alusión aos problemas de memoria da personaxe da película Buscando a Nemo.
O responsable socialista acusou ademais ao conselleiro de “vir a vender fume” ao anunciar de novo que comezarán cos traballos para elaborar a Lei de Ciencia de Galicia. Bouza lembrou que esta norma fora comprometida polo propio presidente da Xunta para o ano 2023, e “estamos á metade de 2026 e non hai ningún avance”.