O PSOE presenta en Santiago o programa do 29N con vivendas sen xuros, achegas por nacemento e bolsas Erasmus

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, defendeu esta mañá en Santiago as medidas en favor da mocidade que contén o programa electoral socialista, entre as que salientou o apoio á emancipación da xente nova e aos estudos.
Méndez uniuse ao reparto de información das Xuventudes Socialistas de Galicia no Campus Sur, no que tamén participaron o cabeza de lista do PSOE ao Senado, Sindo Guinarte; a número 3 da candidatura ao Congreso, e secretaria xeral de XSG, Ana Alvite; o candidato á alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, e o secretario xeral compostelán, Aitor Bouza.
Desde alí explicou propostas como a Conta de Futuro, “que impulsará o Goberno a partir do día 29”, e que consiste nunha achega inicial de 1.000 euros por nacemento, complementada con outras anuais para os fogares de menor renda. O seu obxectivo é que poida utilizarse a partir dos 18 anos para estudos ou o desenvolvemento de proxectos propios.
En canto á educación, referiuse a “unha experiencia moi enriquecedora” como é o programa Erasmus para adiantar a intención do Partido Socialista de incrementar as súas bolsas ata 1.500 euros. “Que calquera persoa poida acceder ao programa sen que dependa da conta corrente da súa familia”, dixo.
En cando ao que a propia xente nova sitúa coma o seu principal problema, o acceso á vivenda, a secretaria de Organización asegurou que, se o PSOE continúa no Goberno, “as mozas e mozos que queiran adquirir unha vivenda disporán dun crédito de 50.000 euros sen xuros”.
O programa electoral socialista inclúe, ademais, propostas como unha garantía pública para os alugueiros da mocidade, o dereito ao voto desde os 16 anos ou o establecemento dos 16 como idade mínima de acceso ás redes sociais (con posibilidade de rebaixala cando as plataformas acrediten condicións de seguridade). Dentro desta última medida prevese a verificación de idade e restricións a deseños aditivos.
Lara Méndez avanzou que Pedro Sánchez contará todo iso en Santiago “en primeira persoa” o próximo venres, 20N, no que será o seu primeiro mitin tras o cara a cara con Feijoo en televisión, un debate programado para o xoves. Detallou que, dentro dos habituais cambios de última hora que implican as campañas electorais, foi necesario aprazar dous días o evento, inicialmente previsto para o mércores, de modo que agora “coincide cunha data moi simbólica”.
“Todos sabemos precisamente que é o que combatemos, a volta ao pasado, ás épocas escuras, e para manter a democracia que tanto nos custou”, apuntou ao respecto. Por iso, chamou “a toda a xente de progreso” a acudir o venres, ás 19 horas, ao Multiúsos do Sar.
Abrir portas a mozos e mozas
Sindo Guinarte fixo, pola súa banda, un balance positivo do labor de goberno de cara á mocidade. “Incrementáronse en case 30.000 as prazas de formación profesional en Galicia e houbo case 60.000 mozos e mozas que obtiveron unha beca”, recordou sobre uns datos que corresponden a políticas “que chegan á xente e que lle dan posibilidade de encontrar un traballo, de chegar á universidade ou á FP lonxe dos seus lugares de residencia e que lle abren novas portas para o futuro”.
“O día 29 hai dúas opcións: votar á coalición PP-Vox para regresar a políticas do pasado, a que o ensino privado sexa privilexiado e obteña recursos en detrimento do ensino público, ou votar ao Partido Socialista, para que o Estado sexa o que asuma o compromiso de darlles aos mozos e mozas a posibilidade de formárense e acadar un emprego de calidade”, afirmou.
Ana Alvite sinalou os problemas dunha mocidade que debe, “dunha vez por todas, mobilizarse” para seguir avanzando en “melloras pendentes”. “A xente moza necesita emanciparse, e é imposible tendo que destinar o 76 % do salario a unha vivenda”, asegurou antes de poñer en valor os pasos que o Goberno de Pedro Sánchez ten dado en favor dese segmento da poboación, “para que mozos e mozas, e todos os nenos e nenas, poidan estudar onde queiran sen importar de onde veñen”.
“O Goberno de Pedro Sánchez seguirá apostando polas bolsas que tanto necesitamos as persoas novas, así que precisamos mobilizarnos e defender que, por suposto, o voto útil está no goberno socialista”, insistiu.