O PSOE reclama á Xunta garantías para o profesorado de necesidades educativas para o próximo ano

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle ao conselleiro de Educación que garanta que o alumnado con necesidades educativas dispoña do profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que precisa dende o primeiro día do próximo curso. Bouza interveu no debate dunha Interpelación que presentou no Pleno do Parlamento na que advertiu que “non estamos pedindo esmola, pedimos dereitos e o profesorado necesario para os alumnos e alumnas que o necesitan”.
O responsable socialista presentou unha Interpelación ao conselleiro de Educación no Pleno do Parlamento para presentar “ideas en positivo para mellorar a calidade educativa” logo de que tódolos anos se repitan “centos” de casos de centros educativos que perden aos profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Acusou ao conselleiro de falar de “casos puntuais” e advertiu que “cando os casos puntuais repítense ano tras ano temos un problema estrutural”.
Advertiu que “detrás de cada caso puntual o que hai é un recorte” e emprazou a comezar o próximo curso escolar “sen casos puntuais nin recortes educativos” para que o alumnado poida ter os recursos garantidos”. Bouza advertiu que “empezamos coas sorpresas” e puxo como exemplo o caso do centro de Cerdido, que esta mesma semana xa recibiu a primeira noticia do recorte dun profesional de Pedagoxía Terapéutica.
Apuntou que “non se poden atender ás necesidades somentes cando obriga un xuíz ou xuíza a través de medidas cautelares” porque a comunidade educativa teña que optar pola vía xudicial pola falla de planificación do goberno galego.
Reclamoulle ao conselleiro que garanta a cobertura do profesorado de necesidades educativas para Infantil e Primaria, pero tamén en Secundaria e Formación Profesional, e tamén dos coidadores e coidadoras. Estes profesionais están hoxe “absolutamente desbordados” e precisan avanzar nunha regulación xa desfasada para contar cunha normativa clara que delimite as súas competencias e as condicións de acceso.
O responsable socialista advertiu que o goberno galego dispón de “competencias e capacidade” para actualizar a base regulamentaria que afecta a estes profesionais, e que ademais “non fai falta moitos recursos”.
Bouza alertou de que “estaremos vixilantes” para que a Consellería de Educación cumpra co acordo de melloras asinado en abril cos sindicatos educativos e non repita a manobra de 2023, cando empregaron a Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta para modificar o texto “pola porta de atrás”. Criticou as “escusas low cost do conselleiro para incumprir aquel acordo e sinalou que “a súa argumentación debera ter fundamentación”.