O PSOE reclama á Xunta o recoñecemento profesional dos emisoristas de prevención de incendios

Carmen R. Dacosta advirte que a Xunta incorporou tecnoloxía e incrementou as responsabilidades, cualificación e a especialización pero deixou atrás ao persoal
Carmen-Dacosta-psoe
25 Sep 2026

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta que mellore o recoñecemento profesional dos emisoristas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais -SPIF-. Lamentou que o PP rexeitara este acordo deixando de lado ao persoal do que depende a coordinación das comunicacións entre o persoal e os centros coordinación ou o seguimento da evolución dos incendios.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que sente cos traballadores e traballadoras e atenda ás súas peticións, porque “non ten sentido modernizar o operativo, incorporar máis tecnoloxía e máis sistemas de comunicación e deixar atrás o recoñecemento profesional das persoas que os fan funcionar”. Resumiu graficamente que “non se pode modernizar só a pantalla e esquecer á persoa que está diante dela”.

Instou ao goberno galego a avaliar as funcións reais deste persoal, actualizando a súa clasificación profesional, afrontar a promoción profesional e o recoñecemento da formación, a cualificación e as responsabilidades que hoxe esixe o seu traballo.

Explicou que estes profesionais son os encargados de xestionar información operativa en tempo real, facer seguimento dos medios terrestres e aéreos mobilizados, rexistrar incidencias, coordinar as comunicacións dos operativos e empregar plataformas informáticas especializadas e apoiar á mobilización de recursos.

Dacosta advertiu neste sentido que “cada nova aplicación, cada novo sistema de comunicación e cada nova ferramenta significa que teñen máis coñecemento, máis formación, máis especialización e máis responsabilidade para quen ten que utilizala”. Por iso reclamou en definitiva “mecanismos efectivos de promoción que recoñezan a experiencia, a formación, a especialización e o coñecemento acumulado por estes profesionais esquecidos do SPIF”.

0.33396315574646