O QS 6000 International do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026 xa ten aos seus finalistas

O QS 6000 International da World Surf League (WSL), proba principal do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, afronta este domingo 30 de agosto a súa xornada decisiva coa disputa das tres últimas roldas: cuartos de final, semifinais e final. A praia de Pantín, no Concello de Valdoviño, reunirá aos oito mellores surfistas de cada categoría despois de dúas xornadas de competición e selección.
As mangas da última xornada disputaranse con dous competidores, un formato que permitirá ofrecer as mellores condicións e oportunidades aos participantes que aspiran a proclamarse campións desta edición do histórico campionato galego.
No cadro masculino, o francés Jorgann Couzinet volve situarse entre os principais candidatos ao triunfo. O surfista, gañador en Pantín en 2017 e subcampión en 2024, demostrou novamente a súa adaptación ás ondas do areal de Ferrolterra. Na rolda de 32 eliminou ao australiano Kobi Clements cunha puntuación total de 12,34 e, posteriormente, impúxose ao vasco Hans Odriozola, que compite por Alemaña, con 11,83 puntos.
Odriozola tamén deixou boas sensacións durante a competición e conseguiu o pase á xornada final grazas a dúas ondas puntuadas con 6,00 e 5,50.
"En Pantín hai que ler moi ben as condicións en cada momento, porque poden cambiar bastante ao longo do día", explicou Couzinet, que recoñeceu un erro nunha das súas ondas. "Pero mañá vou ir a por todo", asegurou.
Xunto a Couzinet e Odriozola, completan a nómina de aspirantes ao título masculino os australianos Caleb Tancred, Kobi Clements e Eden Hasson, o estadounidense Levi Slawson e os brasileiros Ryan Kainalo e Ian Gouveia.
Na competición feminina, unha das grandes protagonistas está a ser a española Carla Morera. A surfista afincada nas Illas Canarias conseguiu avanzar ata as roldas decisivas despois de gañar as súas mangas tanto na rolda de 32 como na de 16, onde superou á xaponesa Nanaho Suzuki, á peruana Catalina Zariquiey e á tamén nipona Minami Nonaka.
"Estou moi feliz e asombrada de ter chegado ás roldas finais", comentou Morera, que recoñeceu que chegara á competición "sen expectativas". "Era a primeira vez que me medía ás mellores do mundo, que estaba nun campionato internacional, e agora véxome loitando polo triunfo", explicou.
Tamén estará na xornada final Janire González Etxabarri, unha das surfistas consolidadas do circuíto profesional. A vasca deixou unha das ondas máis destacadas do campionato, con varios carvings de gran potencia e unha última manobra practicamente na beira, que os xuíces premiaron con 8,00 puntos.
"Solo penso en ir manga a manga", sinalou González Etxabarri. "Estou contenta de ter chegado ata aquí, pero o meu obxectivo segue sendo a vitoria", engadiu.
Morera e González Etxabarri enfrontaranse nos cuartos de final á australiana Sierra Kerr, unha das grandes promesas do surf mundial, así como á súa compatriota India Robinson, á portuguesa Maria Salgado, ás xaponesas Nanaho Tsuzuki e Anon Matsuoka e á estadounidense Eden Walla.
Programa do domingo 30 de agosto
A competición da WSL comezará ás 09.00 horas coa disputa do QS 6000 International, mentres que a partir das 15.00 horas están previstas as finais da proba.
Na Zona Market, ás 11.00 horas abrirán a tenda oficial, a área de skate e Corresponsables, e ás 12.00 horas farano os diferentes postos.
Nos Faladoiros de Pantín, en O Tinglado, ás 11.00 horas terá lugar "Retoque Retro". No apartado de skate, ás 12.00 horas celebrarase o Abanca Live Skate Contest.
Os actos oficiais comezarán ás 16.00 horas coa entrega de premios do QS 6000 International. A programación continuará ás 17.00 horas con Pantín Sound, que contará coa actuación de La Indirigible no escenario Pantín Sound.