O Quiroga Trail Challenge 2027 abrirá as inscricións o 5 de setembro para 1.300 corredores no Xeoparque Montañas do Courel

Quiroga prepárase para acoller a 13ª edición do Quiroga Trail Challenge, unha das citas de referencia do trail running no noroeste peninsular. O prazo de inscrición abrirá o vindeiro 5 de setembro ás 20.00 horas a través da plataforma oficial do evento, quirogatrail.es, onde tamén se poderá consultar o regulamento completo e os cupos dispoñibles para cada distancia.
A proba terá lugar a fin de semana do 20 e 21 de febreiro de 2027, e contará cun aforo limitado a un máximo de 1.300 deportistas, unha cifra pensada para preservar a seguridade dos participantes e a sustentabilidade do contorno natural polo que discorren os percorridos.
O escenario da competición volve ser a comarca de Quiroga e o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, un espazo incluído na Rede Natura 2000. Os seus vales, sendas históricas e crestas configuran un terreo técnico de esixencia invernal, e sitúan a zona como un destino consolidado dentro do turismo deportivo sustentable.
Probas do sábado: Trail do Castelo
A primeira xornada, o sábado 20 de febreiro, ofrece distintas distancias pensadas tanto para corredores de ultrafondo como para camiñantes:
Desafío Xeoparque, de 50 km cun desnivel de 2.800 metros positivos e negativos, en modalidade de semi-autosuficiencia.
Trail do Castelo, de 28 km con 1.650 metros de desnivel positivo e negativo, tamén en semi-autosuficiencia.
Minitrail do Castelo, de 19 km con 1.100 metros de desnivel, en semi-autosuficiencia.
A Carreiriña do Castelo, de 10 km con 400 metros de desnivel, en autosuficiencia.
Dúas modalidades de camiñada non competitiva, a Andaina do Castelo de 19 km e a de 10 km, cos mesmos desniveis cás súas equivalentes de carreira.
Probas do domingo: Trail do Lor Fisiosport
A segunda xornada, o domingo 21 de febreiro, inclúe:
- Minitrail do Lor, de 18 km con 1.250 metros de desnivel, en autosuficiencia.
- A Carreiriña do Lor, de 9 km con 600 metros de desnivel, en autosuficiencia.
- Andaina do Lor, unha camiñada non competitiva de 9 km co mesmo desnivel.
Modalidade Circuíto: combinando sábado e domingo
Quen desexe optar á clasificación xeral do Quiroga Trail Challenge e afrontar o reto por etapas deberá combinar obrigatoriamente unha proba do sábado con outra do domingo. As combinacións previstas son as seguintes:
- Circuíto Desafío: Desafío Xeoparque (50K) + Minitrail do Lor (18K), cun total de 68 km.
- Circuíto Trail: Trail do Castelo (28K) + Minitrail do Lor (18K), cun total de 46 km.
- Circuíto Mini: Minitrail do Castelo (19K) + Minitrail do Lor (18K), cun total de 37 km.
- Circuíto Carreiriña: Carreiriña do Castelo (10K) + Carreiriña do Lor (9K), cun total de 19 km.
- Circuíto Andaina 19: Andaina do Castelo (19K) + Andaina do Lor (9K), cun total de 28 km.
- Circuíto Andaina 10: Andaina do Castelo (10K) + Andaina do Lor (9K), cun total de 19 km.
Toda a información relativa ao regulamento, os cupos por distancia e a pasarela de pagamento estará dispoñible dende o 5 de setembro ás 20.00 horas en quirogatrail.es.