O Rally San Froilán reúne 114 vehículos en Lugo nunha edición marcada por un accidente con tres feridos

A proba, unha das citas do calendario galego de automobilismo, conta tamén coa presenza do focense Bruno Martínez Bermúdez, gañador do Volante Deputación o pasado mes de maio
Rally-San-Froilán-26
16 Oct 2026

Centos de persoas achegáronse este sábado á Praza da Horta do Seminario de Lugo para presenciar a cerimonia de saída da 48ª edición do Rally San Froilán, na que participan 114 vehículos.

A proba, unha das citas do calendario galego de automobilismo, conta tamén coa presenza do focense Bruno Martínez Bermúdez, gañador do Volante Deputación o pasado mes de maio, que debuta nesta competición.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou no acto e reafirmou o apoio da institución provincial a unha proba que, segundo sinalou, "converte Lugo no punto de referencia de todos os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo galego". Tamén destacou o seguimento que recibe nas estradas e a participación de equipos e escuderías da provincia.

A cerimonia celebrouse despois das dúas primeiras pasadas polos treitos de Outeiro de Rei e O Corgo, disputadas durante a tarde. A xornada estivo marcada polo accidente rexistrado no tramo de Outeiro de Rei, onde tres espectadores resultaron feridos, un deles de gravidade, tras desprenderse unha roda dun dos vehículos participantes. O suceso produciuse arredor das 19:30 horas na parroquia de San Fiz de Paz, cando a roda saíu despedida do coche e alcanzou varios afeccionados. O 112 Galicia informou do accidente, confirmado tamén pola Garda Civil.

O rally continuará este sábado coas segundas pasadas polos treitos de Outeiro de Rei e O Corgo, ademais das dúas previstas en Baralla, Sarria e Samos.

A Vicepresidencia da Deputación patrocina un ano máis a competición, que é a penúltima proba do Campionato Galego de Rallys de Asfalto.

0.29360103607178