O restaurante Árbore da Veira acollerá a semifinal do certame ‘Cociñeiro/a e Camareiro/a do Ano 2025–2026’ o próximo 3 de abril

O restaurante Árbore da Veira acollerá o vindeiro 3 de abril a primeira semifinal do prestixioso concurso ‘Cociñeiro/a e Camareiro/a do Ano 2025–2026’, que celebra a súa décima edición. O evento conta co apoio da área de turismo da Deputación da Coruña, “co obxectivo de situar a nosa gastronomía no epicentro estatal do sector, acollendo na nosa provincia a chefs de referencia de todo o Estado”, segundo sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira.
O certame desenvolverase entre as 10:00 e as 19:00 horas con actividades abertas ao público previa reserva. A xornada incluirá probas prácticas, degustacións, showcookings e charlas a cargo de destacados profesionais da cociña e da sala. Entre eles, figuran chefs como Luis Veira, Iván Domínguez ou Sergio Bastard, e especialistas en servizo como Alejandro Paadín ou Mireia Riba.
Durante a mañá celebraranse as probas da modalidade Camareiro/a do Ano, así como relatorios e exhibicións gastronómicas. Pola tarde, desenvolveranse varias charlas, entre elas unha sobre o impacto do turismo no territorio, e novos showcookings. Ás 18:00 horas farase público o nome dos tres cociñeiros e tres camareiros que se clasificarán para a final nacional que terá lugar na feira Alimentaria-Hostelco de Barcelona en 2026.
A cita contará tamén coa colaboración do CIFP Paseo das Pontes, onde os finalistas elaborarán os seus pratos, seguindo os pasos de figuras como Beatriz Sotelo, gañadora do concurso en 2008 e actual docente no centro.
O xurado estará formado por recoñecidos profesionais do ámbito gastronómico, como os chefs Iván Domínguez, Luis Veira e Álvaro Victoriano, así como os sumilleres e profesionais de sala Ana Méndez, Miguel López, Manuel Otero e Alejandro Paadín, entre outros.
Entre os seis cociñeiros semifinalistas figuran Carlos Beltrán (Xàtiva), Guillermo Collado (Sotogrande), Mathew Lee (Mijas), Jorge Lengua (Benicàssim), Pola Hemaia (Reus) e Taigoro Su Salamanca. Na modalidade Camareiro/a do Ano participará a coruñesa Sonia García, xunto a representantes de Chantada, Zaragoza e outras localidades.