O SAF de Santiago convoca unha concentración para denunciar o impago da paga extra de verán

O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago de Compostela mobilizarase o vindeiro 29 de xuño para denunciar o impago da paga extraordinaria de verán por parte da UTE SIAD24-ASISTENZIA, empresa concesionaria do servizo municipal. O comité de empresa convocou unha concentración-vixilia diante do Concello que se desenvolverá entre as 7.00 e as 22.00 horas.
As representantes das traballadoras explican que a protesta responde á falta de garantías sobre o aboamento da paga extraordinaria, unha situación que consideran especialmente grave nun servizo público esencial. Segundo denuncian, a plantilla continúa prestando a atención ás persoas usuarias con total normalidade e profesionalidade, mentres a empresa incumpre unha das súas obrigas fundamentais, como é o pagamento dos salarios en tempo e forma.
A convocatoria prodúcese despois da reunión mantida o pasado 25 de xuño entre a dirección da UTE e as delegadas sindicais. Segundo o comité, a empresa non asumiu ningún compromiso concreto para resolver a situación, limitándose a propoñer novos encontros sen ofrecer unha solución inmediata nin garantir o cobro da paga extraordinaria.
As traballadoras consideran que esta situación provoca un importante prexuízo económico para a plantilla e xera unha incerteza que cualifican de "absolutamente inaceptable". Ademais, rexeitan que os seus dereitos laborais poidan quedar condicionados pola situación financeira da empresa concesionaria.
O comité de empresa tamén dirixe as súas críticas ao Concello de Santiago, ao que reclama unha maior implicación para resolver o conflito. As representantes do persoal lembran que o SAF é un servizo público municipal e consideran que a administración local non pode permanecer allea a unha problemática que afecta tanto ás condicións laborais das traballadoras como á estabilidade do propio servizo.
Neste contexto, volven reivindicar a remunicipalización do Servizo de Axuda no Fogar, unha medida que consideran a mellor garantía para evitar que os problemas económicos das empresas concesionarias repercutan sobre as traballadoras e sobre a prestación do servizo á cidadanía.
Coa mobilización do domingo, o persoal pretende esixir o pagamento inmediato da paga extraordinaria de verán, o cumprimento das obrigas salariais por parte da concesionaria e unha maior implicación do Concello na procura dunha solución. O comité advirte ademais de que non descarta novas accións de protesta se a situación non se resolve de maneira inmediata.
"As traballadoras non poden asumir as consecuencias dunha situación da que non son responsables", sosteñen desde a representación sindical, que insiste en que non aceptará como normal que o persoal continúe traballando sen percibir as retribucións que lle corresponden.